Freixanes, pola súa banda, definiu a obra do escritor como «un patrimonio rico» e incidiu en que será «sumamente eficaz para achegarse a todos os públicos». Como exemplo lembrou as moitas versións musicais que existen dos seus poemas. «É que Manuel María é o poeta máis cantado da literatura galega, xunto con Rosalía, Curros e Celso Emilio», engadiu Alonso Montero. Margarita Ledo reforzou ese aspecto popular de Manuel María, alguén a quen definiu como «un home moi querido» e que valoraba moito o concepto e a práctica da amizade, que consideraba unha «flor rara». Estes méritos farán que o 17 de maio se espalle máis aínda, a todo tipo de ámbitos, segundo confían os académicos, cuxa decisión que onte foi saudada pola Mesa da Normalización, o Concello da Coruña e a Xunta.
Unha celebración que permitirá afondar na súa variada obra
Unha das funcións do Día das Letras Galegas, ademais da festiva, é a de xerar e difundir coñecemento sobre a figura homenaxeada. Onte Darío Xohán Cabana, unido a Manuel María pola poesía, a amizade e por ocupar a súa mesma cadeira na Academia -«Oxalá estivese el e eu fóra», dixo, emocionado-, felicitouse pola gran cantidade de bibliografía que traerá consigo o 17 de maio e que permitirá descubrir aspectos novos do escritor e redescubrir moitos outros. Cabana citou en primeiro momento o estudo de máis dun milleiro de páxinas no que traballa dende hai anos o especialista Camilo Gómez Torres. Tamén avogou por afondar máis no «poeta de vangarda» que tamén foi Manuel María, «un poeta rompedor de verso falsamente libre». E subliñou o feito da gran popularidade da que segue a gozar o seu teatro, que nunca deixou de representarse en centros de ensino. Cabana definiuno como «un dos grandes escritores galegos de todos os tempos», creador dunha «obra poética excelsa».