A ópera prima do xornalista Héctor Cajaraville gaña o Xerais de Novela

Nun encontro celebrado na illa de San Simón, a editorial galega concedeu o premio Merlín á coruñesa Érica Esmorís e o Jules Verne, a Andrea Maceiras


A Editorial Xerais desvelou onte, na illa de San Simón, a concesión do galardón da 32.ª edición do premio Xerais de Novela a Héctor Cajaraville (Santiago, 1975) pola súa obra De repente. Na mesma cerimonia, Érica Esmorís (A Coruña, 1977) impúxose na 30.ª edición do Merlín de Literatura Infantil co título Nena e o mar. Completouse o serán literario co trunfo de Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) na 7.ª edición do premio Jules Verne de Literatura Xuvenil coa novela Europa Express.

Á velada asistiron arredor de trescentas persoas, entre os que se atopaban Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, en representación da Xunta; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Xosé Antonio Perozo, presidente de Galix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil); Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia; ademais de escritores, editores, libreiros, críticos, bibliotecarios, profesores e colaboradores da editorial.

«Nena e o mar é un relato redondo, unha aventura de esperanza e valentía na que o ritmo pausado deixa saborear todos os ingredientes dunha vila mariñeira envellecida, ancorada e sen capacidade de loita contra o destino que o abandono deixa», dixo o xurado do premio Merlín da obra de Érica Esmorís. A escritora coruñesa traballa no eido audiovisual e ten publicada unha novela infantil que foi traducida a todas as linguas peninsulares. Esmorís confesou que concibira o seu relato «como unha obra circular e coral na que existe un xusto equilibrio que permite o desenvolvemento do seu eixe principal, unha aventura temeraria e fantástica dunha nena que, embarcada nun pequeno bote, sae á busca do seu pai, preso na illa das Sereas, e ao mesmo tempo permite profundar nas inconclusas historias de todos os vellos habitantes de Porto Balea».

A unanimidade presidiu a decisión do xurado de entregar o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil a Andrea Maceiras. A obra Europa Express recrea á perfección a desorientación propia da adolescencia e a melancolía que acompaña, na madurez das persoas, a lembranza dos luminosos días de mocidade.

«Europa Express»

Maceiras declarou que Europa Express é unha novela de intriga psicolóxica. «Narrada cunha técnica multiperspectivista, a historia alterna lugares, personaxes e tempos narrativos no seu avance cara o descubrimento dunha verdade inexorábel, capaz de cambiar o rumbo das vidas dos seus protagonistas», explicou a autora.

«De remate é unha novela tremendamente singular no xeito de narrar. Está construída fragmentariamente a través das columnas de opinión de Bieito Sanmarful, dos textos pertencentes ao seu diario íntimo e dos correos electrónicos que el envía ou que recibe dos seus lectores e lectoras, moitas veces envoltos en polémica», explicou o xurado sobre a obra de Héctor Cajaraville.

O mantedor literario da velada foi o escritor Miguel Vázquez Freire, quen se valeu de Vinte mil leguas de viaxe submarina para reflexionar sobre o exceso de «sentimentalización» presente na tradición literaria galega; o pesadelo benéfico presente nos contos populares, repasando as figuras simbólicas construídas na literatura infantil galega; e as relacións entre a poesía e a prosa e entre as denominadas como literatura infantil e para adultos.

«Agora teño que reformular o meu futuro»

Héctor Cajaraville non cabía onte no seu corpo coa ledicia experimentada pola concesión do premio á súa novela De repente.

-¿Como recibe o galardón?

-Imaxina, é o primeiro libro que escribo e que presento a un premio. Todo é moi novo para min.

-O xurado resaltou o xeito que ten de narrar. ¿Como é?

-Non é unha historia narrada senón que agrupa fragmentos de diarios, artigos, correos e textos de diferentes procedencias que van configurando a historia coa axuda do lector, que ten que coller todo e darlle forma na súa cabeza. Non é unha lectura lineal na que todo ven de fábrica por parte do escritor, fai falta que o lector poña da súa parte para completar a historia.

-¿Ten algo de seu o xornalista protagonista da novela?

-Non é autobiográfico mais alá dalgunha pincelada, xa que todo o mundo se apoia na súa experiencia. Aproveitei para facer un xogo que consiste en poñer en boca del todo o contrario do que eu diría ou faría.

-O xurado fala dun retrato sociolóxico de Galicia. ¿Que opina?

-Eu concibín algo parecido a uns capítulos que non son tales porque a estrutura é moi anárquica, pero sempre arranca cun artigo na prensa. Así, no libro hai 22 artigos de Bieito e en cada un deles fálase dun tema diferente, todos relativos a Galicia. Non teñen peso na trama e dan un pequeno descanso, e si poden ofrecer un retrato de Galicia.

-¿Cambiará isto a súa relación coa escritura?

-Escribín este libro porque quedei sen traballo e tiña tempo. Naquel momento pensaba que sería algo puntual, pero agora teño que reformular o meu futuro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

A ópera prima do xornalista Héctor Cajaraville gaña o Xerais de Novela