Galicia celebra o día das Letras Galegas

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

O homenaxeado nesta ocasión é o escritor Xosé Filgueira Valverde

17 may 2015 . Actualizado a las 23:19 h.

Galicia celebra este 17 de maio o día das Letras Galegas. Xosé Filgueira Valverde é este ano a figura homenaxeada e sobre a que pivotan os actos organizados pola Real Academia Galega (RAG). O hasgtag Letras Galegas convirtiuse en trending topic en España, sendo un dos temas dos que máis se falaba en Twitter durante o día.

A Real Academia Galega celebrou o seu acto central con motivo do Día das Letras Galegas no Museo de Pontevedra. «Non podía ser doutro xeito», dixo Xesús Alonso Montero, presidente da Acadamia. «A Academia non tiña opción. Había que homenaxealo no Museo», dixo no arranque da sesión, no que glosaron a figura de Xosé Filgueira Valverde os académicos Víctor Freixanes, Díaz Fierros e Barreiro Fernández. 

Ao remate da sesión, no que Freixanes falou do Filgueira profesor -de quen foi alumno-, Díaz Fierros da importancia de Filgueira e o Seminario de Estudos Galegos, e Barreiro Fernández da contribución do homenaxeado á construcción da identidade galega a través do matiz da «romanidade», o presidente da Real Academia Galega fixo un chamado á Deputación de Pontevedra, da que depende o Museo de Pontevedra, para que o último edificio da institución, aínda sen nomear, leve o de Xosé Filgueira.

Manifestación de Queremos galego

Unhas dúas mil persoas responderon ao chamamento da plataforma Queremos Galego en Compostela e encheron a praza de Praterías, nun acto festivo e reivindicativo para defender a lingua. Houbo menos participación nesta actividade que outros anos na cidade, porque esta vez, alén de en Compostela, tamén se celebraron mobilizacións na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo e Vigo. En todos os casos o lema da xornada foi o mesmo: Galego, garantía de futuro

A mobilización de Compostela partiu da praza de Praterías pouco despois das 13.00 horas. Continuou pola rúa do Vilar, Porta Faxeira, Senra, Orfas, rúa Nova e finalizou de novo en Pratarías, onde se celebrou o acto final. Durante a marcha foron coreadas consignas que insistían en solicitar máis usos do idioma. Había tamén varias pancartas, unha delas cun lema do político e escritor Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, quen foi citado varias veces no acto final. Entre os participantes estaban os candidatos á alcaldía de Compostela do BNG, Compostela Aberta e PsdeG-PSOE, acompañados de varios membros das súas listas; e tamém moito persoal docente, escritoras e escritores e outras persoas e representacións de entidades políticas, sindicais e da cidadanía de Compostela e comarca.