Unha escolma de artigos que amosan a divulgación e erudición do homenaxeado

La Voz

CULTURA

O libro que se pode adquirir o domingo con La Voz de Galicia por 1 euro é unha antoloxía dos artigos que publicou Filgueira Valverde no xornal

17 may 2015 . Actualizado a las 14:53 h.

O libro que se pode adquirir o domingo con La Voz de Galicia por 1 euro escolma algo máis de vinte artigos dos que publicou Filgueira Valverde no xornal. É unha mostra requintada da capacidade do autor para divulgar sen renunciar á erudición. «Escribía con transparencia das cousas máis eruditas», describiu Xesús Ferro Ruibal, quen tamén destacou que en toda a obra de Filgueira había dúas perspectivas: «Vertical e horizontal, o que se traducía nunha visión histórica e outra multidisciplinar».

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, tamén puxo o acento sobre o feito de que Filgueira era quen de dar a coñecer os traballos doutras persoas a un público amplo, non especializado, pero outras veces o que divulgaba eran os resultados das súas propias investigacións. Como exemplo puxo un dos artigos recollidos en O noso Adral, o titulado O branco galán da Danza da lúa de García Lorca, publicado en La Voz en 1993. Nel identifica ese branco galán do poema lorquiano como o mártir Pelagio da praza da Quintana e que o autor dos Seis poemas galegos vería na súa segunda visita a Galicia. «Foi un gran divulgador e un gran docente», concluíu Alonso Montero.

Outros temas nos que se detén Filgueira Valverde nos artigos que recompila o volume van dende o derradeiro concerto de piano que deu frei Rosendo Salvado en Australia á obra dos poetas Dámaso Alonso e Luís Pimentel, os primeiros anos de Sarmiento, a pintura de Lloréns ou dous fusilados en 1936, como apuntou Ferro Ruibal: Camilo Díaz e o citado Lorca.

O libro complétase con tres entrevistas que Filgueira concedeu a La Voz e unha introdución panorámica a cargo de Ferro Ruibal sobre a súa vida e obra, mais unha bibliografía básica.