Bernárdez, poeta galego-arxentino das vangardas e íntimo de Borges

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Luís González Tosar pilota o rescate dun intelectual que foi clave na defensa do galeguismo en América Latina e unha figura do xornalismo en Buenos Aires

01 may 2015 . Actualizado a las 08:15 h.

O xenio guatemalteco Augusto Monterroso dicía que naceu á literatura grazas ao Soneto del amor unitivo do poeta galego-arxentino Francisco Luis Bernárdez (1900-1978). Outro poema del, Estar enamorado, protagoniza cada ano as postais que as parellas se agasallan na Arxentina no día dos namorados. Aínda que anecdótico, isto da idea da importancia que tivo a obra dun poeta que de novo -ao pasar longas tempadas en Maside, de onde era o seu pai, un exitoso emigrante empresario do tabaco en Buenos Aires- empezou escribindo en galego da man da intelectualidade ourensá da Xeración Nós. Aí agromou un galeguismo ao que será leal toda a vida e ao que prestará destacados servizos en América Latina. Escribiu, por exemplo, en 1954 na revista arxentina e ultracatólica Criterio o artigo El idioma prohibido, no que ataca ao franquismo e defende a lingua galega, que tivo unha gran difusión e que foi aproveitado polos galeguistas da diáspora para facer ruído ante a asemblea da Unesco reunida ese ano en Montevideo.

«Mais alá de ser o maior sonetista de América, Paco é un patriota galego, a súa fidelidade a Galicia é incuestionable», enxalza o seu paisano nado arxentino e con firmes raigañas en Maside Luís González Tosar, quen ven de dirixir un traballo que recupera esta figura cimeira do galeguismo e que foi, entre outras moitas cousas, un xornalista destacadísimo no país austral. Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia é un libro editado polo PEN Club Galicia co respaldo das academias das letras galega e arxentina, que inician así un proxecto de colaboración para rescatar a obra de escritores galego-arxentinos hoxe esquecidos.

Da man de Risco, Otero Pedrayo, Montes, ou Noriega Varela, un xove Bernárdez -«modelo de escritor, bo e estratega», eloxia Tosar- entra en contacto cas vangardas en Madrid (Cansinos, Barradas, Cabanillas, Valle) e co saudosismo portugués, na persoa de Teixeira de Pascoaes. El non paraba, era «un auténtico furafollas porteño», e así ata lle escribe a Unamuno no seu exilio de Fuerteventura, co que gaña a recriminación do réxime de Primo de Rivera. De volta en Bos Aires, empatiza con Borges, Marechal e outros intelectuais de primeira orde. Farano director da revista Proa, fundada por Borges, e o mesmo publica en El Pueblo Gallego que na prestixiosa Sur, que creou e gobernaba Victoria Ocampo. Pasará un tempo en París e deixará ultraísmos e vangardas para entrar nunha fase de ascendente católico na que irá incorporando a tradición e o clasicismo á súa poética. Escribirá tamén en La Nación.

A amizade de Borges será clave na súa vida, con el emborráchase nos garitos para captar a esencia do porteño. «Son dous señoritos», anota Tosar, que recorda como Bernárdez, durante o Goberno de Perón, sendo director das bibliotecas municipais de Buenos Aires, dalle traballo a Borges nunha biblioteca. E despois, «cando o botan por significarse como antiperonista», intercede por el, pero colócano (para denigralo) no posto de inspector de aves, conejos y huevos do mercado, ao que Borges renuncia por consideralo indigno e crer que Bernárdez non avogara no seu favor. Cústalles a amizade, que non restablecen ata mediados os 70. Á súa morte, Borges dedícalle uns poemas e redacta unha necrolóxica moi sentida.