Gallego Abad expande o universo de «Dragal» cunha nova triloxía

Ás versións en castelán, catalán e inglés súmase a adaptación a cine e cómic


«A sombra do dragón apoderouse das madrugadas de Hadrián, que nas últimas semanas apenas conseguira durmir». Así arranca o libro máis esperado polos moitos lectores de Dragal que lle reclamaban a Elena Gallego Abad (Teruel, 1969) máis libros despois de concluír no 2012 a triloxía sobre o derradeiro dragón. Tres anos despois os seareiros están poden felicitarse porque non só chega ás librerías Dragal IV. A estirpe do dragón (Xerais), senón que este novo volume abre unha segunda triloxía coa que a autora expande o seu universo fantástico.

«Moitos dos lectores da primeira triloxía me dicían que tiña que continuar, que un mundo tan marabilloso non podía desbotalo», lembra Gallego Abad, quen antes de retomar a saga do dragón fixo unha paréntese para achegarse á novela negra con Sete caveiras. Malia ter xa no maxín ideas dabondo como para comezar a escribir esta nova triloxía, a escritora non quixo precipitarse. Primeiro, pola súa autoesixencia: «Cada novo libro é un reto porque teño moi claro que ten que ser mellor que o anterior». E segundo, porque o éxito de Dragal -o volume inaugural vai xa pola oitava edición galega- multiplica o traballo. Nestes meses xa se iniciou a tradución da primeira triloxía ao castelán (Anaya), o catalán (Pagès) e o inglés (Small Stations). Tamén están en marcha as adaptacións ao cine e ao cómic, este último, nunha versión interactiva que conta con debuxo de David Rubín e guión de Carlos Portela. E a isto hai que sumar as actividades con once centros de ensino e case setecentos alumnos ou o xogo de rol no encontro que se celebrou no Pico Sacro e que fan de Dragal unha experiencia que nace dos libros pero que vai alén da letra impresa.

Nesta nova xeira da saga tamén inflúe que Elena Gallego Abad é lectora antes que escritora. «Escribo o que me gusta ler, e son unha lectora moi esixente», declara. Esa paixón lectora tamén intervén no proceso da escrita, xa que a investigación e os achados da autora están na base dos seus libros. «Busco cousas que me sorprendan porque tamén quero sorprender aos lectores, que non se aburran e para iso tes que rachar co previsible», explica. A estas claves hai que engadir a procura duns personaxes reais para o lector e a creación dun mundo literario propio que se alicerza na cultura da autora. «A base é Galicia, a nosa historia, a nosa cultura», sostén. Sobre isto constrúe historias que viaxan no espazo e nas linguas porque transmiten «valores universais: a loita do ben e o mal está presente en todas as culturas, na nosa tamén, que non é menos que a anglosaxona». Precisamente esa concreción universalista nun escenario concreto é responsable en boa medida do éxito de Dragal: «Recibo moitos comentarios de lectores de fóra que me din que coñeceron Galicia a través dos libros e que agora queren vir visitala».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags

Gallego Abad expande o universo de «Dragal» cunha nova triloxía