151 poetas chaman por Rosalía

Un volume de 600 páxinas reúne textos inspirados na obra da poeta, que recibe homenaxes populares en forma de versos no seu sartego


santiago / la voz

Escribo este artigo -sen pretendelo inicialmente- onda o sartego de Rosalía; aos seus pés. Sorprende a cantidade de papeliños e anacos de cartón escritos a bolígrafo ou a lapis con versos dedicados a ela; latexos, pálpitos en tinta sobre a pedra. Esa calor íntima.

Agora 151 poetas veñen de recompilar nun volume outras tantas composicións propias tomando como referencia uns versos soltos de Rosalía. A idea débese ao poeta e escritor Suso Díaz. El foi adxudicando no seu día estrofas de poemas de Rosalía a cada autor para que elaborásemos partindo delas un texto propio. Coordinou esta iniciativa perante meses ata resultar finalmente este volume dixital de 600 páxinas no que participan tamén artistas galegos coas súas ilustracións, 

Iniciativa, sen dúbida, moi acertada para nos unir en torno da Poeta-Nai. Compre termos sempre unha referencia e ela, Rosalía, debe selo para nós. Éa, de feito, a primeira: Rosalía íntima, con esas súas esgazaduras como de unllas na escrita e na vida; Rosalía comprometida, xa entón coa súa terra e coa súa xente; Rosalía incomprendida, dende un principio, dende sempre. Viva, ela, Rosalía, hoxe máis ca nunca. 

Este novo volume coordinado por Suso Díaz, cun prefacio de Ramón Nicolás e limiar de Mercedes Queixas, está xa na páxina web da Fundación Rosalía de Castro a disposición dos lectores (no apartado de publicacións). Vén ser unha homenaxe e un recoñecemento á nosa Poeta-Nai.

Pero, de verdade, nada máis emotivo ca estes papeliños -anacos rotos- sobre o mármore no seu panteón que se van renovando continuamente e que vai deixando tanta xente anónima que non a esquece. Que lle dan vida con versos sinxelos, simples, que latexan -parece- sobre a pedra fría.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

151 poetas chaman por Rosalía