Il Maquinario colleita cinco premios María Casares coa obra «Perplexo»

Os galardóns do sector reivindican a visibilidade para a actividade teatral


Dar visibilidade a actividade teatral nuns momentos difíciles para todos. Ese era un dos obxectivos dos premios María Casares que se entregaron onte no teatro Rosalía da Coruña. E para acadalo Suso Montero creou unha escenografía na que a gala transcorreu baixo un ceo de mil lámpadas. «Agardo que ninguén se pare a contalas», bromeaba Montero. Nesta 19.ª edición, Elefante Elegante ideou unha montaxe na que a música en directo estivo a cargo do grupo Kibitka.

A visibilidade tamén pasa polo recoñecemento do traballo dos actores, como Machi Salgado e Elina Luaces, que recolleron a xerra como os mellores papeis protagonistas, ou César Goldi e Areta Bolado, mellores secundarios. Tamén se distinguiron os textos, orixinal, Manuel Cortés, por Ultranoite no país dos ananos; e adaptado, Catuxa Pato e Tito Asorey, por Perplexo. Asorey tamén recibiu o galardón á mellor dirección da obra, de Il Maquinario, que foi elixida mellor espectáculo. O premio no apartado musical foi para Xacobe Martínez Antelo, mentres que Carolo Losada recolleu o de escenografía. A novidade deste ano, o mellor espectáculo infantil, recaeu en A casa do avó, de Tanxarina.

A profesión teatral agasallou a Vicente Monto co premio de Honra Marisa Soto. Para Avelino Gonzáles, presidente a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, «Montoto é un pioneiro, forma parte dunha xeración que apostou dende o principio por facer un teatro do noso, feito en galego e profesionalizado». Foi un dos momentos máis emotivos dunha noite na que Xurxo Borrazás leu o manifesto internacional do Día do Teatro que desexou «un teatro construído con base na verdade e que procura o seu final no inexplicábel». A vicepresidenta da Asociación, Vicky Alfaro, reivindicou «un trato axeitado por parte da TVG, que está gala non sexa para emisións somnámbulas». Tamén pediu ao novo conselleiro que «se mergulle na cultura» e que faga unha programación teatral a medio e longo prazo.

O palmarés dos María Casares 2015

Mellor espectáculo: Perplexo, de Il Maquinario

Mellor dirección: Tito Asorey, Perplexo

Mellor actor protagonista: Machi Salgado, O feo

Mellor actriz protagonista: Elina Luaces, Meu ben

Mellor actor secundario: César Goldi, Ultranoite no país...

Mellor actriz secundaria: Areta Bolado, Pan, pan, pan!

Mellor escenografía: Carolo Losada Soto, Kassa

Mellor texto orixinal: Manuel Cortés, Ultranoite no país...

Mellor adaptación-traducción: Catuxa Pato, Tito Asorey, Perplexo

Mellor música orixinal: Xacobe Martínez Antelo, Ultranoite...

Mellor iluminación: Tito Asorey/Germán Gundín, Perplexo

Mellor vestiario: Yaiza Pinillos, Perplexo

Mellor maquillaxe: Raquel Fidalgo, Pequenas certezas

Mellor espectáculo infantil: A casa do avó, de Tanxarina

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Il Maquinario colleita cinco premios María Casares coa obra «Perplexo»