Marilar Aleixandre: «Ter lingua propia é unha riqueza»

A autora e educadora cre que a literatura galega vive un momento vizoso


santiago / LA VOZ

Conversar con Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é unha tarefa que se pode prolongar ata o infinito. Diríase que de todo sabe. Escritora (Ovella descarreirada é o seu último traballo), profesora universitaria, bióloga, e investigadora de prestixio internacional, cinéfila, rockeira. ¿Por onde empezar?

-Diagnostique o momento actual da literatura galega

-Eu diría que está moi vizosa. Hai un claro recambio xeracional que non se ve noutros ámbitos. Están Anxos Sumai, Alberto Ramos, Berta Dávila... Outra cousa é a conexión coa sociedade. Ese é un problema que ten que ver coa situación actual do galego.

-Os mozos abandonan o galego cando deixan a escola. ¿Por que?

-Interveñen varios factores. O primeiro é que as institucións non o toman en serio: trátano como o inglés, como se fose unha lingua estranxeira, cando é a lingua propia. E a conciencia social é minoritaria no sentido de utilizala. Non hai un sentimento de conservar ese patrimonio. Ter lingua propia é unha riqueza.

-Vostede é autora. ¿Canto lle preocupa a piratería?

-Penso que non é cuestión de laiarse polo libro electrónico. O problema son os prezos. A diferenza entre o prezo dun libro electrónico e outro de papel non está proporcionada porque os custes non teñen nada que ver. Á xente non lle gusta piratear.

-Algunha vez se definiu como unha persoa cunha sólida educación rockeira. ¿É certo que viu en directo a Jimi Hendrix?

-E a Jim Morrison. Foi nun concerto famosísimo na illa de Wight no ano 1970. Foi marabilloso. Gústame moito o rock e o blues. Se hai algunha cousa interesante, vou. Cando viaxo a Estados Unidos para os congresos, aproveito para escoitar jazz e blues.

-¿Escapóuselle algún concerto? ¿Quedoulle algo por ver?

-Mmm. Os Beatles, quizais.

-Xa que os menciona fareille unha pregunta orixinal: ¿Os Beatles ou os Stones?

-Os Doors. A min, quen me gustaba era Jim Morrison.

-Deixemos o rock. Vostede dedícase a formar a formadores.

-Si, eu imparto didáctica das ciencias para mestres de primaria e para os que se preparan para dar clases en secundaria. Queremos facer unhas ciencias que sexan atractivas e sirvan para resolver os problemas da vida. En xeral, aos rapaces gústanlle as ciencias. Se as deixan é porque non van ao laboratorio ou ao campo.

-A verdade é que os métodos de ensino, no esencial, apenas cambiaron en séculos.

-Algo si cambiaron, pero é certo que non o suficiente. É difícil porque sempre que houbo reformas legais coincidiron con etapas de crise e, por tanto, cun descenso do profesorado e dos seus soldos. Pasou nos anos oitenta e agora volve pasar. Hai países onde si se están a producir eses cambios. Aquí copiamos moitas cousas dos Estados Unidos, como a comida lixo, pero non outras máis interesantes. Alí impártense poucos temas pero con moita profundidade. Hoxe a información está dispoñible de xeito moi sinxelo. O que hai que saber é cal é boa; pensar, discutir e comparar. Os programas deberían ser máis curtos. Eu coñezo profesores en Galicia que o fan francamente ben.

-Logo, o tema depende do profesor.

-Pero tamén do currículo, que é excesivamente longo.

-E vostede, que xa viviu moito, ¿que diría que é o máis importante na vida?

-Mmm. Ser fiel a unha mesma.

Unha película: Phoenix, de Christian Petzold

Un libro: O corazón da escuridade, de Joseph Conrad  

Seu coche: Mercedes clase A

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Marilar Aleixandre: «Ter lingua propia é unha riqueza»