Darío Xohán Cabana: «Non sería amigo de Dante, tiña mal xenio»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

OSCAR CELA

O académico presenta hoxe a súa segunda tradución da «Divina Comedia», da que leu en Rávena o sexto canto de «Purgatorio»

05 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días atopou uns versos de Blas de Otero, un poemario que leva por título Ya es tarde, e decidiu poñelos en práctica: «Las noches son para dormir y el día para descansar, que no somos de hierro». Darío Xohán Cabana (Roás, Terra Chá, 1952) apunta que cumpre co seu traballo pero despois ten que descansar: «Levo once anos traducindo seguido, seguido, seguido». Vai lembrando os títulos: Os trobadores de Occitania, o segundo Cancioneiro de Petrarca e despois Dante, de quen xa fixera unha primeira versión en galego da Divina Comedia, que foi editada pola Xunta de Galicia en 1990. Hai tres anos que este numerario da Real Academia Galega se puxo a revisar aquel traballo e o resultado foi que fixo case unha nova tradución, xa que dos 14.233 versos da obra de Dante, uns sete mil son diferentes nesta entrega.

Cabana presenta hoxe, as 20.00 horas, nas Portas Ártabras da Coruña (sede da Asociación Amigos dos Museos de Galicia), A Divina Comedia (Edicións da Curuxa). En canto a todo o que se leva falado desta tradución pensa que «non se leva falado tanto, pero algúns falaron ben dela e iso conta máis», apunta.

Unha mostra da calidade da tradución é que o autor foi convidado hai uns meses a recitar na cidade italiana de Ravena, na que morreu e está enterrado Dante, o sexto canto de Purgatorio: «O Concello de Ravena organiza unha cousa moi interesante, que se chama Septembro dantesco na que unha das cousas que fan é que un tradutor galego, ou chinés, ou albanés, ou ruso, ou ucraíno len un canto da Divina Comedia». «Ademais, alí tamén falei de Curros e o Divino Sainete, e dun tipo que se apelidaba Deus, que foi capitán do exército garibaldino e morreu tolo. Este Deus foi un dos introdutores do pensamento marxista en Italia; isto parece algo que inventou Cunqueiro pero non, foi certo», di.

 

«O gran poeta do mundo»

Desde Edicións da Coruxa sosteñen que Darío Xohán Cabana é, «sen dúbida, o axente de Dante en Galicia porque soubo amestrar os versos do poeta italiano». O tradutor é máis cauto: «En todo caso, son o mais teimoso dos seus amigos, xa que o traducín dúas veces». Claro que logo matiza: «Probablemente non seria amigo de Dante, parece que era de mal xenio». De tódolos xeitos, Xohán Cabana considera que Dante «é o gran poeta do mundo, non atopei un libro no que estivese concentrada tanta humanidade como na Divina Comedia; se non é o mellor libro do mundo, é o libro individual de humanidade máis densa, máis cheo de condición humana, é unha auténtica xoia». Iso a obra, porque ao autor tenlle «moito amor e un pouco de odio: levo toda a vida levándolle a contraria, xa que dicía que ningunha cousa en verso se pode traducir sen romper toda a súa dozura e harmonía». E sabe do que fala porque ten case 40 traducións da Divina Comedia, «e algunhas son moi malas».