«A gaita ten en Galicia toda unha sabedoría de máis de mil anos»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN

CULTURA

Carlos Núñez vén de pasar varias semanas en Escocia co gallo das súas investigacións musicais.
Carlos Núñez vén de pasar varias semanas en Escocia co gallo das súas investigacións musicais.

O músico despide o ano na Coruña e inicia o 2015 en Glasgow e Viena

26 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de explorar as conexións da música galega con sons doutras latitudes e tender pontes con xéneros como o flamenco, Carlos Núñez (Vigo, 1971) está a transitar polo que chama o «corredor atlántico» nunha viaxe sonora que une, ida por volta, Galicia e Escocia. O gaiteiro presentará os resultados das súas investigacións en xaneiro en Glasgow, no festival Celtic Connections, antes de emprender unha nova xira norteamericana e actuar nun templo da música clásica, o Musikverein vienés. Pero primeiro ofrecerá mañá na Coruña (Teatro Rosalía, 20.30 horas) un anticipo desta xeira musical.

-A súa música contradí esa idea da Galicia illada e aposta por esa comunicación internacional.

-Efectivamente. Agora estamos a fondo con Escocia. O festival Celtic Connections de Glasgow pediume que desenvolvese un espectáculo baseado nas últimas investigacións en Escocia. Os especialistas en cultura gaélica, na gaita escocesa, teñen novidades impresionantes. O maior sabio da gaita escocesa, Hugh Cheape, lanzou unha bomba no seu último libro, Bagpipes, publicado hai un par de anos. El afirma que a gaita escocesa chegou dende Galicia. Non chegou a través do continente directamente, senón que a recibiron a través do que el chama un «Atlantic corridor», un corredor atlántico. Está demostrado que dende hai miles de anos hai indicios de comercio entre as illas británicas e Galicia. A gaita debeu de chegar a Escocia aproximadamente entre os séculos XIV e XV. Ademais do comercio houbo todo un fluxo de música, de cancións. O feito é que esas gaitas escocesas antigas son moi parecidas ás galegas, así que estamos estudando os calibres das gaitas galegas máis antigas que se conservan. Pero o máis impresionante, o que ten máis valor, é que eles queren que sexa así. Soñan e senten, e teñen no seu ADN, que dende Galicia a través do corredor do Atlántico chegaban as cousas boas.

-¿Como se traducen todas esas investigacións en música?

-Todas estas vivencias, estas lendas, provocan música. Da batalla de Glenshiel creouse un pibroch, a gran música clásica escocesa para gaita, que recuperamos. Tamén apareceu outra canción moi interesante, preciosa, que imos estrear na Coruña, de Red Donald of Corunna, Dòmhnall Ruadh Chorùna en gaélico. O seu avó participou nas guerras napoleónicas e veu á Coruña, onde estivo con Sir John Moore, e o neto fixo unha canción marabillosa sobre iso. A Coruña é moi importante nesta historia e por iso queriamos tocala aquí, nolo pedía o corpo.

-E logo, viaxe aos Estados Unidos, como tantos escoceses...

-Si, pero antes temos un concerto moi especial, unha especie de conquista da gaita. Imos levala ao Musikverein, coa Orquestra de Viena, o 30 de xaneiro. Trátase dun concerto moi simbólico. En Viena, catedral da música clásica, nós imos levar a través da gaita, da nosa cultura e música, unha mensaxe moi antiga: a gaita en Galicia ten toda unha sabedoría de máis de mil anos. Xa consolidamos o soño de tocar coa gaita no Carnegie Hall, no Royal Albert Hall, e no Musikverein, tres catedrais da música.

carlos núñez gaiteiro