A mostra «Cinegalicia25» repasa os fitos do cine galego dende 1989

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A montaxe documenta a consolidación da industria fílmica en Galicia

20 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O cine chegou a Galicia a finais do século XIX, pero aínda habería que esperar case un século para que unha longametraxe producida dende Galicia fose unha realidade. Non unha, senón tres: en 1989 presentáronse Continental, Sempre Xonxa e mais Urxa no certame Cinegalicia, ao que agora se lle engade un 25 na mostra que se inaugura mañá na Cidade da Cultura e coa que se conmemora este cuarto de século fílmico.

Cinegalicia25 recibe ao visitante con tres obxectos que o trasladan a aquel prometedor novembro de 1989: o aparello voador de Sempre Xonxa, o neon de Continental e o menhir de Urxa, ademais, homenaxean aos directores dos filmes: Xavier Villaverde, Chano Piñeiro e Carlos A. L. Piñeiro e Alfredo García Pinal. Son as longametraxes que abren o apartado central da mostra, dedicado a relatar a historia recente do cine en Galicia con este formato como vehículo principal. Un eido no que teñen cabida filmes tan diversos como O lapis do carpinteiro (Antón Reixa), Os Crebinsky (Enrique Otero) ou Todos vós sodes capitáns (Óliver Laxe).

Con todo, a mostra, comisariada por Miguel Anxo Fernández xunto cun comité de asesoramento formado por Xosé Enrique Acuña, Eduardo Galán e Jaime Pena, e cun deseño de montaxe de Marta Villar, conta con outros espazos nos que se contan as rodaxes foráneas que fixeron de Galicia o seu plató (dende Amenábar con Mar adentro e Fernando León con Los lunes al sol ata o Polanski de La muerte y la doncella), o cine documental, o vídeo e a animación (O bosque animado, de Ángel de la Cruz e Manuel Gómez), a bibliografía xerada en torno ao cine e as institucións e organismos ao seu abeiro, xunto co decisivo papel da ficción televisiva. As series actuaron como un verdadeiro motor para a industria a todos os niveis, tanto para actores, guionistas ou técnicos, como para as empresas. Producións pioneiras como Mareas vivas mesmo foron un fito para a cultura popular, un éxito que logo revalidaron As leis de Celavella, Padre Casares ou Matalobos, entre outras series de Voz Audiovisual.

Un completo catálogo a cargo de diversos especialistas complementa a mostra, aberta ata o 8 de febreiro e de entrada gratuíta.