Víctor F. Freixanes: «Pese á preguiza mental dalgúns, unha cultura non pode existir sen diálogo con outras culturas»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

05 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda recorda ben cando hai doce anos lle dixo a Xavier Queipo en Bruxelas que había que traducir ao galego o Ulises, e entón a máquina comezou a xirar paciente. A finais do 2013 o libro estaba felizmente na rúa, e onte recibiu un gran recoñecemento, que, di o editor, «ten que ser para Eva, Xavier, Antón e María, as catro persoas que pelexaron co moi difícil texto de James Joyce».

-¿Como ve este recoñecemento?

-Aínda que nun ano de andadura o libro xa recibiu tódolos galardóns posibles, o Premio Nacional de Traducción non é unha tontería. E supón unha chamada de atención sobre o feito de que o galego é un idioma completo, no que se pode ler e escribir todo, calquera materia, autor ou literatura alleos. Confírmase a madureza do idioma, en total diálogo con outras linguas. Pese a que persisten as reticencias e que a preguiza mental dalgúns dificulta este camiño, unha cultura non pode existir sen diálogo con outras culturas.

-¿Algo así pensaba Otero Pedrayo cando en 1926 verteu ao galego fragmentos do Ulises?

-Aqueles avances de Otero Pedrayo foron pioneiros, chegaron antes que ao español, portugués, vasco ou catalán, pero entón o galego tiña as súas limitacións. A Xeración Nós estaba creando a prosa galega moderna. De feito, esa tradución é anterior ao primeiro intento de normativa, nos anos 30.

-Pasou moito tempo.

-Si, pero case 90 anos despois seguía a ser un desafío, unha asignatura pendente. E é un orgullo para Galaxia presentar esta novela íntegra.

-¿Que cambiou hoxe?

-O Ulises evidencia tres aspectos clave: unha base lectora que permite o experimento, a consumación dun proceso histórico de estabilización filolóxica e a consolidación do oficio de tradutor.

-¿E tamén se vende o «Ulises»?

-Editamos mil exemplares como a libraría Shakespeare & Company en 1922. Eles venderon 300, nós xa levamos máis.