O Proxecto Galicia incorpora a historia máis recente do país

O xornalista e historiador Domingos Sampedro coordina o volume que vai da morte de Franco á sucesión de Felipe VI

Presentación do novo volume co seu coordinador Domingos Sampedro, esquerda.
Presentación do novo volume co seu coordinador Domingos Sampedro, esquerda.

Santiago / La Voz

O Proxecto Galicia é unha ambiciosa aposta de Hércules Edicións que recolle en distintos volumes -e xa van 64- todo o coñecemento de Galicia sobre historia, antropoloxía, economía, dereito, arte... Máis de cincocentos catedráticos implicados nunha aventura que suma xa un novo capítulo: Historia Contemporánea de Galicia: finais do século XX, principios do XXI. Unha obra coordinada polo historiador e xornalista de La Voz de Galicia, Domingos Sampedro, e na que participan, entre outros, os xornalistas Santiago Jaureguízar, Concha Pino, Esther Rodríguez, Luís Villamor ou Xosé Manuel Cambeiro. Francisco Rodríguez, presidente do Grupo Hércules, lembraba na presentación da obra no Museo do Pobo Galego que «a vida futura do Proxecto Galicia comeza con este volume, é a súa actualización». Destacou Rodríguez esta aposta galega que non ten comparación en ningunha outra comunidade, «e da que xa dixo Filgueira Valverde que habería un antes e un despois deste proxecto».

O xornalista Domingos Sampedro recoñeceu na súa intervención que «poder participar nun proxecto tan perdurable foi unha gran honra». O libro é un ciclo pechado que arranca na morte de Franco e remata coa abdicación do rei Juan Carlos e a primeira visita de Felipe VI a Galicia. Ao longo de máis de 500 páxinas vaise debullando a historia dos últimos corenta anos do país en sete capítulos, desde a preautonomía ata a volta do PP ao Goberno autonómico. Non se trata dunha obra que analise a Galicia dos últimos decenios so desde a perspectiva política, senón afondando en aspectos máis sociais como foron as catástrofes marítimas, a loita contra o narcotráfico ou mesmo os acontecementos máis recentes que marcaron a historia galega: a traxedia ferroviaria de Angrois ou a crise do goberno municipal de Santiago. A obra, explicou Sampedro, pretende ser tamén unha defensa da profesión xornalística que, aínda que pasa por horas baixas, «ten moito que contar.

Justo Beramendi, presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, rematou engadindo que xa que a historia «é hipermétrope», as etapas máis próximas hai que abordalas con moito tino. Libro de lectura obrigatoria, «feito con rigor, aporta moito a este período» indicou o catedrático de Historia, quen ademais salientou que incorpora unha aproximación diferente da que poden facer politólogos ou historiadores ao ser, neste caso, obra de xornalistas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos

O Proxecto Galicia incorpora a historia máis recente do país