María Reimóndez gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz

Redacción / La Voz

CULTURA

A gañadora, María Reimóndez, no centro, flanqueada por Ramón Nicolás e Víctor Freixanes.<span lang= es-es > </span>
A gañadora, María Reimóndez, no centro, flanqueada por Ramón Nicolás e Víctor Freixanes. vítor mejuto< / span>

A escritora lucense, que vén de acadar o Xerais, presenta unha historia de máxima actualidade con abusos sexuais, corrupción e conflitos psicolóxicos

01 ago 2014 . Actualizado a las 23:10 h.

Abusos sexuais, corrupción política, denuncia social, conflitos psicolóxicos, intriga, tensión desde a ollada dunha muller... E todo iso nun escenario de máxima actualidade narrado cun pulso narrativo moi áxil. Estes son os ingredientes de A dúbida, a obra da escritora e tradutora lucense María Reimóndez que resultou gañadora na decimocuarta edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, que se outorgou onte no transcurso dunha cea literaria celebrada no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, que contou con unha ampla e variada representación da cultura galega.

O xurado do galardón, que está patrocinado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés, acordou designar a obra gañadora por un resultado de sete votos a favor fronte a dous. A acta destaca o «ritmo áxil da novela, a profundidade do conflito psicolóxico e a sutileza coa que trata temas de actualidade, como os abusos sexuais e a corrupción política».

Como finalistas do premio quedaron as obras presentadas baixo os títulos O faro escuro e A pena das Calandras. Son dúas propostas das que o xurado tamén valorou a súa calidade.

É unha das poucas veces que un autor gaña un mesmo ano dous dos premios literarios máis importantes convocados en Galicia, como é o caso da Novela por Entregas e o Xerais.

María Reimóndez acadou este último recoñecemento o pasado mes de xuño pola obra Dende o conflito. A escritora lucense, unha das figuras consolidadas da literatura que se fai no país, conta cunha estensa e recoñecida carreira e tamén fora finalista no Xerais no ano 2006 polo libro O club da calceta.

En A dúbida, a autora fai uso da súa mestría narrativa para presentar un relato de máxima actualidade que conta con todos os ingredientes necesarios para enganchar a atención do lector e manter o seu interese durante os 31 días en que se presentarán as distintas entregas nas páxinas do xornal.

A acción empeza cando a protagonista, unha muller que se mira en fite no espello, é sorprendida pola chegada da policía a súa casa para deter ao seu marido, un político, por un presunto delito de abusos sexuais de menores. A partir dese intre discorre a acción, ao mesmo tempo que se desencadea o conflito psicolóxico dunha esposa que empeza a dubidar se coñecía realmente ao seu marido. Este aspecto foi un dos máis valorados polo xurado.

Todo encaixa

Pero non todo é tan evidente como parece e a dúbida sobrevoa polo relato, no que tampouco faltan as artimañas, nin as vinganzas políticas, nin a corrupción. E todo encaixa á perfección nos bloques en que se reparte a novela, de tal modo que o lector, cando acabe coa súa lectura diaria, terá gañas de máis.

María Reimóndez toma o relevo de Francisco Castro, que gañou o pasado ano coa obra O corazón da Branca de Neve. Na cea literaria de onte, na que se deu a coñecer á gañadora, tamén estivo presente o conselleiro de Cultura da Xunta, Jesús Vázquez Abad.

A novela gañadora publicarase no xornal e na súa edición dixital cada un dos días do mes de agosto ata completar as 31 entregas previstas. Como nas edicións anteriores, a historia contará coas ilustracións de Juan Carlos Abraldes. Ademais da publicación da obra nas Páxinas Literarias, o premio ten unha dotación económica de 6.000 euros.