O «esperpento» da filtración política

La Voz

CULTURA

12 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O académico Xosé Luís Axeitos admite que foi un dos que non consideraba oportuna a candidatura de Filgueira, pero non entende a polémica, e menos que se dubide da valía intelectual do elixido e da súa defensa da cultura galega. «A academia -di- cumpriu co seu deber elixindo a unha persoa dunha gran altura intelectual que ninguén pon en dúbida. Algo funciona mal cando unha personalidade deste tipo recibe esta contestación, e algo funciona mal cando ocorre este esperpento». Axeitos non critica a elección en sí, pero si que a institución non soubera parar a polémica social e dar as oportunas explicacións. Tamén se queixa de que a esta mala imaxe contribuíse o feito de que fora o director xeral de Política Lingüística o que filtrase nunha rede social a persoa elixida. «Foi -precisa- un fallo evidente de comunicación».

Fina Casalderrey, que apoiou a candidatura de Manuel María, tenta poñer cordura no debate social, tras precisar que no plenario «votouse democráticamente e a calquera dos cinco nomeados poderíaselle dedicar o Día das Letras Galegas. Alí dentro non houbo nada». Neste senso lanza unha reflexión: «O pobo galego e a academia necesitan todos unha chispiña de sentido común para non quitar as cousas fora de contexto. As Letras Galegas son para recoñecer a xente que fixo cousas pola cultura galega, e este home -en alusión a Filgueira Valverde- as fixo».

Luz Pozo Garza, que si foi unha das que votou ao intelectual pontevedrés, constata que no escrutinio non foi discutida a figura do gañador, do que di que «xa tiña que haber sido nomeado hai varios anos, porque era un home cunha mente olímpica que fixo moitísimo pola cultura galega».