Anova di que a elección de Filgueira Valverde busca «demoler» o Día das Letras

Redacción / La Voz

CULTURA

O académico Xosé Luis Axeitos acepta a decisión, aínda que cre que non se fixo nin no momento nin do modo axeitado

10 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A polémica sobre a elección de Filgueira Valverde coma persoeiro do día das Letras Galegas 2015 reavivouse onte coa visión de Anova. «Non podemos ser alleos ao que Filgueira foi, á súa relación co réxime xurdido dun golpe de estado», avanzou nun comunicado a formación.

Anova cre que o anuncio da elección por parte do secretario xeral de Política Lingüística antes de facelo a propia RAG, «é un síntoma. A brigada de demolición tenta minar os alicerces da Academia, sempre democraticamente chantados na expresión e defensa da identidade da nosa nación». Anova lembrou que xa advertiran, cando marchou Xosé Luís Méndez Ferrín, o anterior presidente, «un escuro proceso apoiado pola extrema dereita española».

O comunicado fala do papel da RAG, «institución sometida a presións contraditorias», e subliña que neste periodo «dalle as costas á cidadanía, como fixo nos seus anos escuros». Para o partido de Beiras a independencia da RAG «é unha necesidade vital».

Anova non nega o valor literario de Filgueira, pero a súa figura política «fai inaceptable a decisión do sector que goberna a Academia, na que pesa o interese pola limpeza étnica e cultural». Engadiu que a RAG non pode dobregarse ás esixencias dun goberno «cun proxecto de desmantelamento e desestruturación Galiza». Anova di que ao presidente Núñez Feijoo convenlle unha figura coma Filgueira «que lle permita escribir o relato dun galeguismo submiso. O noso labor será enfrontarlle a ese relato ruín unha tradición progresista e republicana».

O académico Xosé Luis Axeitos -segundo declarou a este xornal na Coruña-, acepta a elección, aínda que cre que «o momento nin a forma foron os máis axeitados, sobre todo por estar gobernados por unha política de dereitas, dados os vencellos de Filgueira co franquismo».