O neto de Bóveda defende que o Día das Letras se lle dedique a Filgueira

Bibiana Villaverde
Bibiana Villaverde PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

A estatua de Alexandre Bóveda parecía aplaudir onte en Pontevedra o encontro do seu neto Valentín e o fillo de Filgueira Valverde.
A estatua de Alexandre Bóveda parecía aplaudir onte en Pontevedra o encontro do seu neto Valentín e o fillo de Filgueira Valverde. CAPOTILLO< / span>

Ambas familias aseguran que a suposta traizón é «unha lenda urbana»

09 jul 2014 . Actualizado a las 13:37 h.

Baixo a atenta mirada da escultura de Alexandre Bóveda, o neto deste galeguista fusilado en 1936 narra a relación entre a viúva (a súa avoa) e o homenaxeado nas Letras Galegas en 2015. «Eu coñezo perfectamente a relación que tiña a miña avoa Amalia con Filgueira Valverde. Unha relación entrañable», asegura Valentín García Bóveda. Fronte a el asinte o fillo do galeguista que moitos consideran un traidor: «Si, si, entrañable».

Dende que se deu a coñecer, na fin de semana, o nomeamento de Filgueira Valverde está sendo cuestionado incesantemente. Repróbase que fora alcalde de Pontevedra no franquismo, procurador en Cortes na ditadura, e sobre todo acúsaselle de non ter defendido a Bóveda no xuízo que acabou co fusilamento do galeguista.

¿Non defendeu a Bóveda?

Xosé Filgueira Valverde non acudiu a declarar. Non estaba citado. Nin el nin o resto dos galeguistas que deixaran o partido para defender un nacionalismo de dereitas, católico, fronte o agnosticismo que defendía a corrente maioritaria. «Non foi citado, non consta no expediente», replica Xosé Fernando Filgueira Iglesias. ¿Por que non foi? «Foi por unha conversa con Pepe García, o avogado de Bóveda», relata Filgueira Iglesias. Valorouse se era negativo ou positivo que os nacionalistas de Pontevedra que firmaran o manifesto da dereita galeguista fosen a declarar: «¿Cal ía ser a pregunta? ¿Vostede creou o partido de dereitas porque estes señores eran de esquerdas? Baixo xuramento ante un tribunal militar, a conclusión ía ser que a resposta dos galeguistas de Pontevedra condenou a Bóveda».

Que o fillo defenda ao pai non sorprende. Si resulta máis chamativo que o neto do fusilado defenda a Filgueira Valverde: «Se Filgueira aparecese no xuízo a defender a Bóveda igual estabamos conmemorando o 17 de agosto o asasinato de Bóveda e o de Filgueira porque xa estaban nomeados». Neto e fillo dos que se consideraban inimigos rexeitan as polémicas xurdidas en torno ás dúas figuras, enmarcan esta «lenda urbana» na amplificación do relato que fixo Xerardo Álvarez Gallego na obra Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda. Para o fillo do polígrafo nese libro vertéronse moitas afirmacións que lle fixeron moitísimo dano ao personaxe. «Deberían ter disposta unha explicación, pero meu pai nunca respondía aos ataques, que tivo moitos».

Para a familia Filgueira este é o momento de facelo. Acaban de recibir un galardón que ansiaban dende hai anos. «Sempre que non nolo concedían, dicíamos: "A Academia é soberana". Agora digo que estamos encantados e felices con que se lle dedique o Día das Letras no 2015».

As críticas dos seus

Filgueira defende a mesma opción política que os que critican estes días a figura do seu pai: «Entendo os ataques, aínda que non os comparto. ¿Como non vou entender eu ao Bloque se sempre defendeu iso? O BNG é un partido imprescindible que se non existira non acadariamos as cotas que se teñen logrado. A min o que me gustaría son os consensos porque esta sociedade necesita quen dea badaladas na conciencia nacional. E iso faino o BNG», sentencia Filgueira Iglesias.

Mentres algúns sectores nacionalistas e académicos cuestionan o galardón, o neto de Bóveda defende o recoñecemento. «É unha figura controvertida. Pero en outros elementos, non en canto a este galardón», afirma Valentín García Bóveda.

Este non é un encontro forzado nin excepcional. García Bóveda e Filgueira Iglesias coinciden cada 17 de agosto nos actos en memoria do fusilado en A Caeira (Poio). De feito, foron eles mesmos os que se ofreceron para este encontro ante as cámaras de V Televisión. «Aínda que mataran a Bóveda, aínda que esnaquizaran o nacionalismo galego nun momento dado, tivo razón Castelao cando dixo que non enterraban homes, que enterraban sementes. O xermolo frutificou e agora temos cousas que eran imposibles de soñar hai moitos anos», conclúe o fillo. O neto engade: «Nese momento a única opción de defender as ideas era dende dentro do réxime. Dende a emigración e dende fóra do réxime non se podía, era moi difícil».

Ao rematar esta conversa, ambos marchan como chegaron, xuntos. Charlando e rebaixando unha polémica que non comparten. «O premio do Día das Letras para Filgueira ía chegar, tarde ou cedo», sentencian.