«Sempre en Galiza», ¿texto visionario, memorias ou biblia nacionalista?

Galicia celebra o 70.º aniversario da publicación da obra cimeira de Castelao


Santiago / La Voz

Pasaron setenta anos dende o banquete en Bos Aires no que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao presentou a súa obra cimeira, Sempre en Galiza. A publicación non só transcendeu ata os nosos días, senón que segue a avivar o debate sobre a súa natureza e o seu contido. Hai quen fala de memorias literarias, dunha biblia do nacionalismo ou dun texto visionario; pero son poucos os que se atreven a negar a súa vixencia.

O político, economista e escritor galego Carlos Mella é o primeiro en afirmar esta validez e o tamén o seu carácter visionario. «Sempre en Galiza segue significando o mesmo hoxe que cando a escribiu Castelao e é bastante asombroso ver como coinciden moitos diagnósticos dos que fixo daquela. Por exemplo, na política agrícola, en que a pesares das diferenzas case todo o que di é válido; na política de dependencia, case todo, por non dicir todo, é válido; ou en canto á conformación territorial do Estado. El pedía un Estado federal non simétrico e é o que está hoxe vixente», sinala. «Con iso demostra ter unha cosmovisión de país galego, cos seus defectos e as súas virtudes», engade Mella, que é o presidente da Fundación Castelao.

O especialista en Historia Contemporánea Justo Beramendi é outra autoridade á hora de falar desta obra. Chegou ás súas mans hai catro décadas, cando estaba descubrindo aos clásicos do nacionalismo galego, e máis tarde foi obxecto de varias das investigacións que emprendeu xa dende un punto de vista profesional. Para Beramendi, Sempre en Galiza é «unha especie de testamento xeracional», o que suma un valor engadido á súa importancia para a reconstrución da historia do nacionalismo e da propia biografía de Castelao. «É un libro moi complexo, que ten moitas dimensións, pero ten unha fundamental que é a de resumir o pensamento e as actitudes políticas da xeración á que el pertenceu. Trátase dunha síntese perfecta do pensamento de toda a xeración de Villar Ponte, Vicente Risco, Bóveda..., que nace coas Irmandades da Fala no 1916 e a que funda e fai posible o Partido Galeguista», relata.

O historiador considera que precisamente esa proxección cara o futuro que sostivo Castelao foi determinante para que a obra acabara converténdose «nunha especie de biblia, de libro canónico do nacionalismo galego da segunda metade do século XX».

Matiza, non obstante, a cuestión da súa actualidade. «Hai aspectos que están vixentes e outros que non o están, porque 70 anos non pasan en balde. Todo o que se refire ao análise e á economía da sociedade está obsoleto hoxe, pero si que mantén unha certa vixencia na cuestión nacional, en canto ás reivindicacións e afirmacións que sustenta o movemento político», subliña.

Conexión cos indignados

Beramendi destaca un último aspecto de rabiosa actualidade no tocante á ética política. «Castelao e todos os membros da súa xeración eran persoas que apostaban por unha gran honestidade e integridade no manexo da cousa pública, tiñan unha idea da democracia e dos que debían ser os representantes do pobo que enlaza co movemento dos indignados e outros que xurdiron contra esta dexeneración da democracia representativa», argumenta.

Alén destas lecturas destaca, sobre calquera achega, a que supuxo a obra para o nacionalismo.

Aínda que a idea de Galicia como nación non nace con Castelao, si tomou un novo pulo a través das liñas de Sempre en Galiza. E neste punto detense Xosé Manuel Beiras, referente perenne do nacionalismo galego.

Un símbolo político

Beiras leu por primeira vez o texto de Castelao cuns 12 anos; un deses exemplares que chegaron ao porto de Vigo a finais dos anos corenta e se introduciron clandestinamente ata chegar a formar parte da biblioteca do seu pai. «Sempre en Galiza non é un libro autobiográfico nin de memorias», advirte. Para o portavoz de Anova esta visión é propia dos que desmerecen a faciana máis política de Castelao. «É un libro de pensamento político e o seu núcleo ten unha absoluta vixencia na visión da estrutura económica, social e cultural de Galicia e das fórmulas políticas necesarias para que exerza a súa soberanía como nación e suxeito político en clave de esquerda e progresista», prosegue na argumentación. O líder nacionalista defende a durabilidade das formulacións do autor sobre a autonomía galega, nun marco federal-confederal do Estado español e artellada dentro da propia península Ibérica e da Unión Europea. «Castelao xa reclamaba unha república federal, o mesmo que se está facendo agora nos ámbitos sociais da cidadanía que quere unha creba democrática do proceso constituínte», sinala.

Pola contra, outros como o filólogo e editor Víctor Freixanes defenden que Sempre en Galiza é, ante todo, un libro de memorias, cun importante compoñente de proposta política.

O certo é que esta obra dá aínda para moito debate e está, sexa por unha consideración ou por outra, máis en forma que nunca.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
35 votos

«Sempre en Galiza», ¿texto visionario, memorias ou biblia nacionalista?