Eiré: «Conto as cousas como as presenciei, non coa visión de agora»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O escritor desvela «datos inéditos da historia recente» no seu novo libro

27 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Con 16 anos organizaba reunións nocturnas nas aldeas de Chantada. Estivo nas Encrobas e conta que sempre se fala do cura, pero «hai dúas persoas, Manolo das Encrobas e Ramón Muñiz, que era da UPG», que tiveron un papel básico no conflito. Son algunhas das cousas sobre as que Afonso Eiré (Chantada, 1956) escribe no seu novo libro Eu estaba alí (Hércules de Edicións). «Un dos problemas do nacionalismo é que foi o grande protagonista da vida galega nos últimos 50 anos, pero non ten quen lle escriba», dicía Eiré onte, na sé de Hércules de Ediciones, durante a presentación do libro. Diante dese «pesimismo histórico», Eiré quere narrar unha serie de fitos da historia recente de Galicia dos que foi testemuña. «Son máis de vinte crónicas que empezan en 1965 cando mataron ao Piloto, que foi o último guerrilleiro morto en España; aí é cando empeza o nacionalismo moderno».

Así vai recollendo «a morte de Amador e Daniel en Ferrol e as folgas; o nacemento do sindicalismo nacionalista, cando empeza a UPG». Eiré relata tamén «o último día antes da morte de Moncho Reboiras e as batallas do nacionalismo, as loitas das Encrobas, Baldaio...». De igual modo fala da cota tributaria empresarial, «que tivo unha importancia moi grande, e aínda hai pouco dicíanme que aquí non valoramos o que supuxo que unha comunidade autónoma se enfrontara ao Estado». Eiré adiantaba antes da presentación que no libro da conta das «cousas como as presenciei, non coa visión de agora, que é unha cousa que se fai moito». De feito, di, usou «as notas que tiña».

Cabichas sen varrer

Recolle anécdotas, «que valen máis que moitos discursos», como cando empezou a funcionar o Parlamento, en que o segundo día «ninguén varrera alí en Xelmírez e estaba todo o chan cheo de cabichas e había un cheiro que era tremendo tamén polas estufas catalíticas... Así empezou a autonomía». O cese de Carlos Mella -«que segundo dixo el é a primeira vez que se conta a cousa ben»- ou como naceu o movemento Nunca Máis son outros dos contidos dun libro que foi gabado polo xornalista Ernesto Sánchez Pombo, que lle agradeceu a Eiré que deixara constancia deste feitos. Francisco Iglesias, de Hércules, salientou a necesidade de coñecer a propia historia e Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, enxalzou a súa contribución a esa historia.