Alfredo Conde: «Eu non son escritor de novelas policíacas, eu son novelista»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

«Tras pelexar como un león» na UCI hai uns meses, Conde volve á literatura con renovadas forzas e xa ultima outro libro sobre os tempos de Hernán Cortés

23 jun 2014 . Actualizado a las 09:24 h.

Volve Salorio. Catro anos despois de Huesos de santo, e meses antes de que esta saia en galego, Alfredo Conde (Allariz, 1945) entrega Chovida do ceo (Xerais), a segunda aventura dun comisario libresco cuxa figura está inspirada no policía Guillermo, un home tranquilo, irmán da nai do autor -«eu queríalle moito»-, que levou unha existencia moi apracible en Vigo e Salvaterra, e ao que lle gustaba a lamprea. Tamén Conde volve con renovadas forzas, tras deixar en febreiro a UCI, na que pasou doce días en coma inducido. «Salvei por pelos, tras pelexar como un león», admite. Aquilo fíxolle ver a vida doutra maneira e valorar o tempo, que quere dedicar á escritura. «Estou aquí excedente de cupo [ri]. No meu retiro de Brión; teño as miñas pataquiñas, cultivo coles de Bruxelas, pementos, tomates... e procuro non meterme con ninguén».

-Salorio, sentimental e galego.

-Ao pouco de chegar a Salvaterra, meu tío alugou unha bodega e convidaba a todos a chourizos asados. Eu quería en Salorio un policía que se equivocara, con dúbidas, non un heroe. Eu non son escritor de novelas policíacas, son novelista. Escribo novelas nas que hai policías e xente normal.

-¿Haberá outra entrega?

-Indo no coche ocorréuseme a terceira entrega. Será a derradeira; senón quéimome con tanto policía.

-¿Pero o «noir» non engancha?

-Bah, xa ando noutra novela que teño escrita sobre a vida dun emigrante en tempos de Cortés, dun galego que vai a México. Xa son maior e necesito tempo para escribir, facer cousas distintas.

-O que parece clara é a súa preferencia polo patrón europeo...

-Eu lin novela negra cando empecei. Moitas, as clásicas: Hammett e esta xente. Recomendáramo Ramón Akal: "Se queres ser novelista, tes que ler policíaco, porque constrúen moi ben as novelas". Aprendín moito, pero non me interesaba o xénero e deixeino. Agora ben, Millennium, a triloxía de Stieg Larsson, paréceme un novelón. Tamén aprecio a Mankell e a Persson. Pero xa non miro con intención de aprendizaxe, senón por desfrutar, por ler.

-O seu con Compostela...

-En toda a miña obra está Compostela. É unha cidade que me seduciu dende neniño, dende a primeira vez que vin nunha excursión nos parvuliños. É moi mistérica. Sempre moi regulamentista, nunca pasa nada, todo cordial e plácido. Pero por debaixo está fervendo. Hai crimes terribles, asuntos morbosos, todo o que te podes imaxinar está aquí.

-E logo está o do Códice...

-Cala. Eu estaba escribindo unha novela na que roubaban o Códice, e un día chamáronme da radio para preguntarme polo roubo. Eu pensei: "¿Quen lle dixo a ninguén que eu estaba escribindo sobre iso?". Cando me din conta, o primeiro que me dixen foi: "Fodéronme a novela". E deixeina.

-¿Vese na árbore de Reigosa? Literatura de crimes, Compostela...

-Non. Son moi amigo de Carlos, o respecto moito como escritor. Pero eu vou por libre dende hai moitos anos. E xa estou disposto a morrer así. Non son continuador, nin seguidor, nin discípulo. Eu son un tipo que anda á súa bola. Isto ten moitas vantaxes e algúns inconvenientes. E as desvantaxes xa as paguei todas.