Novas de o semanario «O Tío Marcos d'a Portela»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

A reedición das obras de Xavier Prado recupera o proxecto de Lamas Carvajal

17 jun 2014 . Actualizado a las 10:49 h.

A Coral de Ruada e a editorial Duen de Bux, co apoio da Consellería de Cultura e a Deputación de Ourense, veñen de poñer nas librerías a Obra Completa de Xavier Prado «Lameiro» (Ourense, 1874-1942). Catro volumes recollen a obra poética e dramatúrxica do creador, vencellado ás Irmandades da Fala e á Xeración Nós, que se converteu no autor de cabeceira da Coral de Ruada, da que foi cofundador, nun tempo -primeiro terzo do século XX- no que as obras escénicas e os cadros dramáticos que representaban as masas corais eran manifestacións multitudinarias que servían para achegar a cultura a toda a sociedade. Xavier Prado exerceu tamén como xornalista, e foi presidente da asociación profesional en Ourense, e na súa condición de tal liderou un proxecto emblemático para Galicia: recuperar o semanario O Tío Marcos d'a Portela, a histórica cabeceira creada por Valentín Lamas Carvajal -a primeira publicación feita integramente en galego en Galicia.

O Tío Marcos d'a Portela editouse entre os anos 1876 e 1890, baixo a dirección de Lamas Carvajal, e Xavier Prado e Hixinio V. Ameixeiras recuperaron o proxecto en 1917.

Na Obra Completa de Xavier Prado Lameiro inclúese un quinto volume, elaborado polo profesor e investigador Delfín Caseiro, no que se analiza a figura e a obra do escritor e xornalista. Caseiro salienta no seu traballo precisamente o feito de que «o compromiso social e político de Lameiro levouno a recuperar, no ano 1917, a publicación do semanario O Tío Marcos d'a Portela, a que fora publicación de referencia na Galicia de finais do século XIX por obra do admirado mestre do xornalismo galego Valentín Lamas Carvajal». En total foron 58 números os publicados nesta segunda, e derradeira, etapa do semanario e a edición dos mesmos materializouse entre o 18 de febreiro de 1917 e o 7 de xullo de 1919. Prado mantivo a «fidelidade ideolóxica e estética ao autor de O Catecismo do labrego», e ambas quedan reflectidas en todos os números que saíron á rúa nesta nova etapa.

No semanario publicaron, entre outros, Leandro Carré, Lugrís Freire, Losada Diéguez, Peña Novo, Ramón Cabanillas, Eladio Rodríguez, López Abente, Noriega Varela e Curros.