María Reimóndez, Ledicia Costas y Eduardo Santiago gañan os tres premios de Xerais

Os galardóns, dotados con dez mil euros cada un, foron entregados na illa de San Simón

Os escritores premiados no certame da editora Xerais Eduardo Santiago, María Reimóndez y Ledicia Costas, onte conversando no paseo dos Buxos, na illa de San Simón, na ría de Vigo.
Os escritores premiados no certame da editora Xerais Eduardo Santiago, María Reimóndez y Ledicia Costas, onte conversando no paseo dos Buxos, na illa de San Simón, na ría de Vigo.

vigo / la voz

Dende o conflito, «unha novela sobre o xornalismo de guerra, a marxinación, a diversidade e a contradición dos sentimentos», resultou gañadora da 31.ª edición do Premio Xerais de Novela, que onte se entregou na illa de San Simón, no concello de Redondela. O xurado, composto por profesores, xornalistas, un escritor e un libreiro, elixiu a obra de María Reimóndez entre outras trinta e oito novelas que concorreron a este galardón dotado con dez mil euros.

Na mesma gala dos premios convocados por Edicións Xerais, á que acudiron preto de trescentas persoas, entre as que se atopaba o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e persoas de diferentes ámbitos do eido cultural, fóronlles entregados os premios Merlín de Literatura Infantil a Ledicia Costas (Vigo, 1979), pola novela Escarlatina. A cociñeira defunta, e o Jules Verne de Literatura Xuvenil a Eduardo Santiago pola novela O gran reino. Ámbolos dous premios están dotados tamén con dez mil euros.

«É unha recompensa ao traballo destes anos», sinalou Ledicia Costas, quen xa loce no seu currículo o Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil de 2012 e o premio ao mellor libro infantil e xuvenil da Asociación Galega de Escritores en Lingua Galega 2012. «É unha obra de humor macabro que propón unha ruta gastronómica polo máis alá», afirma a escritora e avogada viguesa para referirse ao seu libro. «A ruta está chea de pantasmas, defuntos e receitas de cociña; os pequenos e pequenas van poder interactuar co libro porque hai tamén, xunto coa historia, un libro paralelo de receitas de cociña», engade a gañadora do Merlín.

Maior visibilidade

Eduardo Santiago (Pontevedra, 1964) é o maior dos premiados pero tamén o que máis tarde chegou ao mercado xa que hai só tres anos que lle publicaron a primeira novela. «A concesión do premio, máis que nada, vai ser para min un factor de visibilidade como escritor xa que o que teño publicado é ben pouco», admite. «O meu libro é unha crítica a ese bum da literatura xuvenil no que só se relataba un universo paralelo ao que o protagonista accedía para salvar o mundo, como no caso de Harry Potter», explica Eduardo Santiago. «Lembra ao que sucedeu nos derradeiros anos do século XVI con libros de cabalerías e aquel xenial escritor que fixo unha novela reflectindo ese sentido dos libros de cabalería», afirma o escritor.

A gala de entrega de premios contou coa actuación do grupo musical Puntada sen Fío, formado por Xiana Lastra, Juan Collazo e Roberto Rama. O tradutor Xavier Senín, como mantedor literario desta velada, comezou o seu discurso lembrando as palabras coas que Jules Verne no seu libro Vinte mil leguas baixo dos mares se refire ás augas da ría viguesa como «impregnadas de luz eléctrica», as mesmas augas que navegou no seu iate Saint Michel III o 1 de xuño de 1878, data na que recalou na cidade de Vigo. A figura do escritor francés estivo moi presente no acto xa que os participantes recibiron un exemplar de A illa misteriosa, traducida por Ánxela Gracián. A intención de Edicións Xerais é traducir todos os anos un obra do escritor de Nantes.

Pechou o acto Manuel Bragado, director do selo editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Consellaría de Cultura e Educación e por Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios 2014. Felicitou ás gañadoras e ao gañador e rematou a súa intervención reclamando unha maior atención para o mundo do libro e da cultura.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

María Reimóndez, Ledicia Costas y Eduardo Santiago gañan os tres premios de Xerais