Ugía Pedreira: «Paro porque o corpo me di que xa deixei moito no palco»

Anuncia que fará, tras o verán, un paréntese na súa traxectoria musical

| Durante vinte anos a vida de Ugía Pedreira xirou en torno á música. Desde múltiples vertentes e facetas. Como solista, como ideóloga de moi dispares proxectos, como directora -con só 27 anos- do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, como impulsora dese vangardista centro de estudos da tradición que é aCentral Folque, como compoñente de Nordestinas ou de Marful... Pero sempre coa música como eixo vertebrador. Dende hai doce meses a vida de Ugía Pedreira xira en torno á súa filla, Lúa, afectada por unha parálise cerebral.

A artista anuncia que tralo verán retirarase dos escenarios sen pensar unha data de volta.

-¿Por qué toma agora esta decisión?

-Se te dedicas ao mundo da arte chega un momento no que lle tes que facer caso ao corpo, e o corpo dime que xa din moito nos escenarios e agora mesmo non vexo por que teño que subir a un palco. A situación que eu vivín neste último ano ensinoume moitísimo e obrígame a ter un nivel de esixencia brutal a nivel mental e corporal para entrar no mundo de Lúa e tentar traela a este. Eu levo anos dicindo que música é saúde. Pois é aí a onde a teño que aplicar agora mesmo. Porque se Lúa fixo moitas cousas que non lle corresponderían pola súa enfermidade foi grazas a música. É a música o que a fai estar tan viva. E iso é o que realmente me interesa, seguir compoñendo pola inspiración que me da ela e seguir estudando e escribindo.

-¿Iso é de todo incompatible con seguir na escena musical?

-Teño que dividir a enerxía. Non lla podo aplicar a todo. Entón voume centrar neste camiño que se me abre de investigación cara a Lúa, que absorbe música todos os días. E, por certo, non lle vai calquera. Unhas lle serven para unhas cousas e outras lle serven para outras. Creo que con iso teño investigación e música para rato.

-¿En que consiste o método que están a seguir?

-Trátase de neuromovemento. Seguimos a liña de Anat Baniel, alumna directa de Feldenkrais, a través de Juan Carlos Concha. É un método que esixe moito tempo e dedicación. Dende logo, se as unidades neonatais tiveran máis en consideración o micromovemento e a música gañaríamos en saúde todos. Creo que a revolución real que aínda está por facer é aunar a medicina tradicional e as alternativas, pero isto aínda non convén.

-¿Que supón hoxe para vostede subir a un escenario?

-É un peso demasiado grande. Porque levo moitas cousas enriba. Eu levo nisto da música dende os 25 anos. E non só na parte compositiva e creativa senón tamén na executiva, de produción, de idear proxectos... De todo o que ten que ver co oficio. E non, agora mesmo non me enche.

-¿Como van ser os concertos que lle quedan?

-Agardo que moi lindos. Teño un con Sés en Burela, un ou dous con Marful e outro soa en Allariz que me apetecía moitísimo facelo e que é o que me pon as pilas.

-Aparte da súa situación persoal, ¿ten algo que ver na súa decisión o estado no que se atopa a industria musical neste país?

-Claro, é que eu tamén sinto un cansazo colectivo. Pero fundamentalmente eu estou pensando en min. Ao longo da miña traxectoria musical andei en moitos círculos, andei en moitas cousas. Pero o que agora necesito é volver a encherme e necesito facelo dunha maneira saudable. A música para min está collendo outra dimensión que ten moito máis que ver coa saúde que co escenario.

-¿Síntese ou sentiuse decepcionada nalgunha ocasión?

-Neste oficio é dificilísimo non sentilo. Moitas veces a xente pensa que chegas, sobes ao escenario e todo é felicidade. Pero se realmente coñeceran o que hai detrás entenderíanse moitas cousas. Por suposto que hai desilusións, traizóns e envexas. Pero todo o contrario tamén. En calquera caso, non tiveron nada que ver coa miña decisión.

-¿Esas traizóns das que fala chegáronlle dende dentro da profesión?

-Si, si, eu vivín todo iso dende dentro da profesión... É que eu vivín moi dentro da miña profesión. Si.

-¿E traizóns políticas?

-Pero é que políticos somos todos. Eu son a primeira que considero que fago política.

-¿Que vai pasar co proxecto de Marful?

-Tomarémonos un descanso. Marful é unha familia. E entenden que hai que tomarse este descanso.

-¿E con aCentral Folque?

-Ui! aCentral ten moita xente detrás. Eu pode que fora a persoa máis visible, pero hai alumnos, hai profesorado... Hai xente moi potente porque sementamos moitísimo. É certo que o equipo mermou por cuestións económicas, pero as ideas aí seguen. E hai xente moi capacitada para desenvolvelas. aCentral deu moitísimas concepcións vangardistas para que outros as seguiran. Foi e é un viveiro. E iso vai seguir. Comigo ou sen min. Eu non teño ningún problema egocentrista ao respecto. E se aCentral non pode seguir sen min é que eu algo fixen mal. En calquera caso eu vou a estar dende A Mariña de Lugo axudándolles no que poida.

-¿É á Mariña a onde se pensa retirar?

-Non sei se retirar (rise) pero si que é onde penso descansar. Alí foi onde me criei e onde teño a casa familiar.

-¿Botará de menos viaxar?

-Seguiremos facendo viaxes a Bretaña, que é de onde é o pai de Lúa. E despois a onde ela nos leve. Ela é o noso oráculo particular.

-¿Este afastamento da escena musical vai implicar tamén, por exemplo, deixar de seguir ao día o que está pasando no mundo da cultura galega?

-Ultimamente xa me interesaba bastante menos o que está pasando no mundo da cultura. Porque mira, cultura somos todos. A miña veciña dame unha vida cultural interesantísima nas conversacións [rise]. Digamos que eu agora estoume interesando máis por conversas de alto risco e alto nivel. Veñan de onde veñan.

-¿Da medo enfrontarse a esta nova etapa?

-¿Medo?... Eu vivo no pánico. Eu vexo a músicos compañeiros meus que van a velocidade de cruceiro. Eu non. Eu son alpinista. Xa dende hai tempo. E agora moito máis. Eu coñezo o medo e o pánico. E ás veces danme a man e me protexen e outras me traizoan.

-¿Aínda hai lugar para o optimismo?

-Na miña vida sempre fun vendo que aínda que sexa con dor e sufrimento, o que teña que ser, será. Nada podes controlar, aínda que penses que si. Eu tiven que aprender a vivir día a día e a coller as cousas como veñen, vivas na situación que vivas. E ao final dáste conta de que non somos máis que unha bomba de emocións envolta nun corpo.

-Supoño que agora vai a escoitar mil veces que se foi un referente. ¿Que pensará entón?

-Eu non teño moita visión de min mesma, do que a xente ve en min. Aí pérdome. Ando bastante pola lúa e polas nubes. Pero si que fun, e vou seguir sendo, moi feliz cando alguén me diga que a miña música lle funcionou para isto ou para o outro. Que lle fixo ben para algo. Pero neste momento vexo que non me fan falta os aplausos entendidos como un abrazo sonoro. E isto non é un tema de soberbia. Se puiden axudar en algo cos oito discos feitos, pois xenial.

-De todos ese ámbitos, de todas esas facetas nas que se involucrou en todos estes anos, ¿de cal se sinte especialmente satisfeita?

-Eu me sinto súper, súper satisfeita dos anos vividos en Lalín, no Conservatorio de Música Tradicional e Folque. Emociónome só de pensalo. Foi unha explosión de boa música, de improvisación... Foron oito anos espectaculares. De alí saíu xente que aí segue, no mundo da produción e da composición musical. E eu, como boa mamá, considéroos os meus fillos. Eu en Lalín deixei mogollón de teta.

-¿Qué sinte que lle queda por facer no terreo da música?

-Quédanme por facer máis cancións. Dicía Fernando Pessoa que a verdadeira música é a que fica eternamente sen tocar. ¿O formato? Dáme igual. Pero para poder ofrecer boas cancións, que volvan a sanar, hai que parar, sentarse e reflexionar.

-¿Hai algunha razón que puidera facerlle reconsiderar a súa decisión de tomarse este descanso?

-Agora mesmo ningunha. Neste momento o único que estou desexando é que se acabe o verán e pasar a outra etapa. E logo xa se verá. Ao mellor dentro dun tempo sinto a necesidade de facer un disco importante polo tema que sexa. Pero agora mesmo é imposible que reconsidere a miña decisión. O que quero é irme para A Mariña e entrar noutra dimensión.

-Dicía Mercedes Sosa aquilo de «si se calla el cantor se calla la vida»...

-Hai moitas formas de falar e non todas teñen por que pasar polo palco. Agora mesmo hai un grupo de xente nova que está facendo unhas cousas marabillosas no país e que teñen moitas cousas que dicir. E mira, eu o das momias nunca o levei moi ben. Eu nunca crin nas cousas para toda a vida. E este descanso en realidade é unha rexeneración. E voume rexenerar grazas a ese diamante que se chama Lúa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos

Ugía Pedreira: «Paro porque o corpo me di que xa deixei moito no palco»