A emoción da palabra poética

Redacción / La Voz

CULTURA

Paloma Ferro recitou ante a mirada dos académicos Fernández Ferreiro, Pozo Garza, Ledo (diante), Villares, Ferro, Freixanes e Monteagudo.
Paloma Ferro recitou ante a mirada dos académicos Fernández Ferreiro, Pozo Garza, Ledo (diante), Villares, Ferro, Freixanes e Monteagudo.

A cultura galega reúnese na RAG pola presentación do libro de La Voz

16 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A palabra é a gran protagonista do Día das Letras. «Poucos días hai na historia dos países cun perfil tan entrañable como o Día das Letras. Non festexa ningún feito de armas, senón a palabra. A palabra resólveo todo en democracia», resumiu o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. E, baixo ese espírito, o salón de actos da entidade acolleu a unha grande parte dos representantes políticos, sociais e culturais galegos, unidos na conmemoración dese patrimonio común de Galicia que é a súa lingua.

Unha lingua encarnada neste 2014 nos versos de Xosé María Díaz Castro, protagonista do Día das Letras e do libro que La Voz de Galicia ofrece mañá aos seus lectores, do que se falou na mesa principal, á que sentaron o presidente da Academia, Alonso Montero; o editor de La Voz, Santiago Rey Fernández-Latorre; o director do xornal, Xosé Luís Vilela; e o responsable do volume presentado, Luís González Tosar. Á cita asistiron tamén os académicos Rosario Álvarez, Luz Pozo Garza, Margarita Ledo, Andrés Torres Queiruga, Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Villares, Xesús Ferro, Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo. Compartiron a celebración con representantes institucionais como o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Deputación coruñesa, Diego Calvo; ou o alcalde da cidade, Carlos Negreira.

Entre o público tamén se atopaban estudantes da Universidade Sénior e alumnos do IES Ramón Menéndez Pidal, aos que Alonso Montero se dirixiu para advertirlles de que algún día chegarían a ser políticos, futbolistas, enxeñeiros ou mesmo escritores, sen descartar a posibilidade de que a algún deles se lle podería dedicar un Día das Letras dentro de cen anos.

Precisamente do eido da literatura se atopaban no acto editores como Eduardo Riestra, de Ediciones del Viento; Francisco Rodríguez, de Hércules; ou Tucho Calvo, de Biblos. Con eles, colaboradores de La Voz como José Antonio Ponte Far, Domingo Bello Janeiro, Manuel Fernández Blanco, Uxío Labarta ou José Luis Meilán Gil, e representantes da vida civil galega como o presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, e o oftalmólogo Manuel Sánchez Salorio.

Ademais de escoitar as intervencións sobre a vida de Díaz Castro e a fondura da súa poesía, os asistentes puideron comprobar en vivo a capacidade para emocionar dos versos do escritor homenaxeado. A xornalista de V Televisión Paloma Ferro foi a encargada de ler algúns dos poemas do autor como Nimbos, Alfa e Omega, Remuíños ou o clásico Penélope.

Tamén recitou Tosar, como conclusión á súa intervención, un poema incluído en Xosé María Díaz Castro, para alumear o mundo, e do que comentou que o escribiu no bar O Pozo, en Guitiriz, antes de ingresar por mor do seu segundo e penúltimo infarto. «Galiza pode en min» di o seu primeiro verso.