Cans arranca os chimpíns

TAMARA MONTERO< / span> LA VOZ

CULTURA

M.MORALEJO

O agroglamour toma de novo a aldea de Cans para celebrar a undécima edición dun festival que dá visibilidade aos creadores galegos e xungue cine, música, gastronomía, paisaxe e moita diversión

16 may 2014 . Actualizado a las 20:19 h.

| Cans engancha. Engancha porque «ten unha serie de cousas que non teñen outros festivais», cousas que só cobran sentido no berce do agroglamur, ese xeito tan noso que é quen de poñer de teloneiros de Los Coronas a unha treboada miñota. Cans é «un festival para ir con zapato baixo», un concepto afastado das grandes alfombras vermellas, dos photocall e das zonas VIP. Cans é Galicia en estado puro. É o destilado audiovisual da nosa identidade que este ano se bebe do mércores ao sábado.

Quen o explica nunha frase curta pero lapidaria é Alfonso Pato, alambiqueiro e director dunha cita ineludible que este mércores cumpre once anos. El define o agroglamur, a esencia de Cans, como «vir como unha estrela e saír como un veciño». Mestúrase todo: grandes nomes do cine con público ansioso de pasalo ben coa implicación dos veciños da parroquia. Un tótum revolútum que ten algo de aditivo.

Hai que pasear polas alfombras que de vermellas vólvense azuis, verdes e multicolores para entender mellor o que acontece en Cans, onde os coloquios se fan nunha leira e os concertos, como debe ser, no torreiro. Ou no Jaliñeiro, que xa o cantaban ben os Heredeiros: Churras, churras, churras ¡que jallo é! Nos ghalpóns e nos baixos é onde se ven as mellores curtas, os videoclips máis impresionantes, os documentais de novo cuño. O mellor da creación galega en 178 cintas, que como salienta Pato non pasa polo seu mellor momento, entre outras cousas pola retirada de apoios. «Talento e creación sempre houbo». A rachar.

Primavera do rock

Falando dos Heredeiros, este ano, ademais, o festival celebra os 20 anos dun fito cultural que marcou a toda unha xeración, a dos que medramos ao son das cancións do Xabarín Club, que cun satélite novo emitía tanto para Neptuno como para Portonovo. Co xabacarné nos dentes, estamos obrigados a ir a Cans para relembrar a primavera do rock galego, marcada por tres acontecementos de suma importancia. Xa mentamos o Xabarín, pero tamén hai que falar daqueles rapaces de Ribeira, desa Cuadrilla de Pepa a Loba, que lle deu a volta á cultura galega. E como non, hai que lembrar o manifesto bravú que por fin puxo en letras douradas o que era o rock tan noso: sen capar. Estabamos preparados para a revolución.

Así que, por fociños ou por cacheiras, o sábado haberá que achegarse a Cans para ver a escolma de documentais, a pinchada dos temas máis míticos do Xabarín e a actuación dos propios Heredeiros, uns ghallitos do movemento que nos van ter a todos alghareados, así como a estrea mundial do novo videoclip dos Diplomáticos. Ghaiteiros como poucos.

Non será a única oda á memoria musical deste noso país. O Cancasete de María Yáñez, Roi Guitián e María Lobo veu de recuperar a memoria musical de Cans a partir dos casetes dos veciños, que servirán para facer unha pinchada en condicións e tamén para artellar o Cansonoro, que, conducido por Xurxo Souto, será un paseo musical pola memoria de Cans. O casete foi «o primeiro selfie», -salienta Pato- porque a xente gravábase a si mesma. Foi unha ferramenta da democratización do son e unha vía de comunicación coa emigración centroeuropea. Eles recibían cintas dos de aquí. Os de aquí recibían reprodutores dos de alá.

Con nome de muller

E este ano as mulleres toman a palabra no festival, que porén sempre procurou ter esa presenza feminina. Así que o premio Pedigree é para María Bouzas e o coloquio na leira estará protagonizado por Gracia Querejeta. Non só iso. Outra muller, Paloma Concejero, estreará no festival de Cans o seu documental sobre Antonio Vega, Tu voz entre otras mil. Será no baixo de Bugarín o venres ás 17 horas. O prezo, 3 euros. Outra primicia, tamén con nome de muller. Isabel Ayguavives presenta a súa longametraxe El árbol magnético. Apúnteno para o xoves ás 17 horas no Círculo recreativo cultural. E os veciños poderán ver nun pase privado Querida Gina, a longa documental de Susana Sotelo que conta a historia de Serafín Rodríguez e Juan Sánchez, veciños de Cans e extras en Salomón y la reina de Saba xunto a Gina Lollobrigida. Outra ración de féminas: as Also Sisters, Sonia e Miriam Albert Sobrino, residentes en Utah pero co corazón en Cans, presentan o venres as primeiras secuencias da súa primeira longametraxe: A historia dun Satélite, Rafael e a Nai que o Pariu. O venres ás 20.30 horas no Baixo de Moncho. E de sobremesa, outra parella de donas: Susana Sotelo e Iria Lema presentan o documental De Merexo a Kepa. Ambos, Pazos de Merexo e Kepa Junquera, subirán ao poleiro para darnos un bo repaso no Jaliñeiro Unplugged.

Uns fenómenos

Atención tamén ao xoves, no Círculo Recreativo e Cultural, porque Alfonso Zarauza escolleu Cans para a gran preestrea de Os Fenómenos, cun elenco con Lola Dueñas, Luis Tosar, Miguel de Lira, Morris e Xulio Abonjo, entre outros. E como de fenómenos vai o asunto este, hai que falar tamén de Pepe Solla, que cociñará cos veciños O ovo de Can, amosará as fotos da súa experiencia do ano pasado e daralle gas á guitarra no Jaliñeiro Unplugged, polo que pasará tamén o sábado á tarde Caxade. De fenómenos musicais está cheo Cans: As Pandereteiras de Cans e AcordeCans. A Noite V Clips amosará a faceta de dj do actor Santi Romay. Os Lajaretas e Fanfarria Taquikardia acompañarán ao desfile de chimpíns e Los Árboles farán o seu na inauguración da Can Parade. Amable Dj poralle música á sesión Disco Chimpín. O Día grande tocará a Banda de Salceda. o Cans Voulevar contará con Querido Estraño, The Cool Experiencie e Os Carunchos. E Os da Ría botarán por fóra co seu galegueiro. A fin de festa, a cargo de Rafa Morcego.

A que andas?

E como Cans é tamén é punto de encontro de profesionais, cinco cineastas presentarán os seus guions e os fillos de Cans os seus novos proxectos. Ollo, que haberán London Canning. A capital británica é un reduto de creación galega, que virá por Cans amosar o que están facendo. E para preparar ás novas xeracións, 500 escolares pasarán e coñecerán cada recuncho do festival. Apuren. Poñan o zapato plano.