La Voz presenta na Academia o seu libro sobre Díaz Castro

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ

CULTURA

Cesar Quian

O libro recolle unha biografía e unha antoloxía poética do autor homenaxeado co Día das Letras

16 may 2014 . Actualizado a las 04:33 h.

La Voz de Galicia presentou esta mañá na sede coruñesa da Real Academia Galega o libro co que tradicionalmente se suma á celebración do Día das Letras. Nesta ocasión, o libro, que se pode conseguir este sábado co xornal polo prezo de 1 euro, recolle unha biografía e unha antoloxía poética de Xosé María Díaz Castro. O autor do volume, o tamén poeta Luís González Tosar, amigo e bo coñecedor da obra de Díaz Castro, traza un conciso mais ameno e rigoroso perfil vital do escritor chairego, que destacou polo seu poemario Nimbos, aparecido en 1961. Precisamente deste libro aparecen varios poemas na escolma do libro Xosé María Díaz Castro, para alumear o mundo, incluído o célebre Penélope, que empeza cos versos «Un paso adiante e outro atrás, Galiza, / e a tea dos teus soños non se move».

Na súa intervención, o presidente da Academia gabou a escolma de Díaz Castro, que contén non só poemas do seu libro máis coñecido, Nimbos, senón que inclúe tamén pezas inéditas e traducións. Na súa opinión, o antólogo e autor da introdución, Luís G. Tosar, «achégase á figura de Díaz Castro dende a súa sensibilidade», e lembrou que nos últimos anos da súa vida Díaz Castro fixo amizade coas novas xeracións de poetas como Claudio Rodríguez Fer e o propio Tosar.

Tosar citou un texto do académico Xosé Luís Franco Grande de 1964 no que definía a poesía de Díaz Castro como fondamente galega e de gran modernidade, para acadar un valor universal. Tosar, ademais de glosar a valía poética do autor homenaxeado, falou da súa personalidade: un home sinxelo, tímido en público pero cordial e educado, con gran sentido do humor. Rematou a súa intervención coa lectura dun poema que Díaz Castro escribiu nos últimos días da súa vida.

O director de La Voz, Xosé Luís Vilela, definiu o 17 de maio como «o feito cultural do ano» ao que o xornal contribúe co espallamento a milleiros de fogares e bibliotecas desta antoloxía poética de Díaz Castro. Vilela comparou o contido do libro cunha parella de alfaias: unha pérola perfecta, representada nos versos do escritor homenaxeado, e o engaste perfecto na forma da introdución de Luís G. Tosar.

O acto contou coa presencia do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; o director de La Voz, Xosé Luís Vilela, e o propio autor do libro, Luís G. Tosar. Ademais, á presentación, na que a xornalista de V Televisión Paloma Ferro recitou varios poemas de Díaz Castro, asistiu unha ampla representación da vida social e cultural de Galicia.