Unha fotobiografía para Díaz Castro

La Voz

CULTURA

Capa do volume «Nimbos de luz».
Capa do volume «Nimbos de luz».

«Nimbos de luz» traza un percorrido biográfico do escritor a través de imaxes das diferentes etapas

15 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé María Díaz Castro conta xa cunha fotobiografía. Onte presentouse na Real Academia Galega o volume Nimbos de luz (Galaxia), que traza un percorrido biográfico do escritor a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas a través de imaxes de diferentes etapas da súa vida. O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, congratulouse da recuperación do formato da biografía, de aparición habitual arredor dos autores homenaxeados o 17 de maio, e que fora esmorecendo nos últimos anos. O volume adxunta tamén en DVD o documental de Xosé Antón Cascudo O instante eterno e complétase con textos de tres especialistas en Díaz Castro: Alfonso Blanco Torrado, Luís G. Tosar e Armando Requeixo. No acto de onte Blanco citou o impacto que está a ter entre os máis novos a poesía de Díaz Castro, o que leva a constatar que as novas xeracións «necesitan, queren e buscan a palabra escrita». Pola súa banda, Tosar citou unha brincadeira que Carlos Casares e mais el lle gastaron a Díaz Castro a propósito dunha foto que tomaran a dous homes en Budapest «que eran cuspidiños a Díaz Castro e Otero Pedrayo», mentres que Armando Requeixo debullou o proceso de traballo da fotobiografía, para o que tiveron que escolmar entre numerosas imaxes e obter como resultado «a memoria visual de Díaz Castro». O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, chamou a «reinterpretar o legado dun grande mestre e insigne poeta» e o director de Galaxia, Víctor Freixanes, convidou aos lectores a volver ao célebre poema Penélope e lelo coa mentalidade de hoxe.