«No sur non hai maior de 60 anos que non coñeza os contos de Joselín»


| José Rodríguez de Vicente é unha figura senlleira, poliédrica, modelada no claroscuro do nacionalismo e a ligazón coa ditadura de Primo de Rivera primeiro e de Franco despois. Pero José Rodríguez de Vicente foi tamén, en palabras de Valentín Paz-Andrade, un xograr que soubo enraizar os seus contos na antiga tradición do escarnio popular de mariñeiros e labregos. Ese xograr era o seu alter ego, Joselín, que gravou un total de 23 contos que agora se editan no libro e cedé Os contos de Joselín. José Rodríguez de Vicente, primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Un volume que ademais de recoller a integral dos contos galegos de Joselín -incluido a transcrición incluso de pezas inéditas-, fai unha análise polo miúdo da biografía e obra dun personaxe que foi nunha soa vida alcalde de Baiona, secretario de Turismo do Goberno de España, documentalista cinematográfico, director de revista, ídolo das ondas radiofónicas e comercial. Que foi merecedor da Cruz do Mérito Civil e da condecoración de Isabel la Católica. Que fixo botar gargalladas a galegos e emigrantes cos contos de Joselín, un «labrego inventado que nunca existiu» que non coñece a misa e que cre que polo teléfono poden chegarlle os xermes. Así o explica, citando a Quico Cadaval, Laura Tato, profesora da Universidade da Coruña que analizou o pulcro legado que deixou Joselín tralo seu pasamento en 1958 e que se conserva nos fondos da familia Paz-Andrade e Delgado-Tapias. Unha vida interesante ¿Quen foi José Rodríguez de Vicente, Joselín? «Tivo moitos contactos en todos os sitios e por todas as bandas» di Laura Tato. «É un personaxe interesante pola vida un pouco de picaflor que tivo». Aos 21 anos marchou a Buenos Aires, onde estaba o seu irmán Román, un político de moito peso. Pero volveu a Baiona aos dous anos, onde abriu unha cafetería, La Moderna. É cando entra nas Irmandades da Fala. Converteuse de feito na man dereita de Vicente Risco, e con el marchou á Irmandade Nazonalista. A comezo da década dos 20 xa é un recoñecido contacontos e o seu apoio á ditadura de Primo de Rivera fíxoo chegar primeiro a tenente de alcalde de Baiona e logo rexedor da vila, que visitaron Primo de Rivera e o rei Alfonso XIII. Aí deixa de actuar en público. No 1929, cando o Coro da Ruada fai unhas gravacións coa firma Regal, que crea un catálogo completo galego, é el o escollido para gravar seis historias. Así o conta Ramom Pinheiro, da Central Folque, quen descubriu e compilou os 23 contos. O certo é que Ramom Pinheiro explica que «el era un home de teatro» nun tempo no que se representan obras moi curtas, moi caracterizadas polo «ambiente popular, cómico, directo». Joselín «se ben actuou en colaboración con algúns coros, foi independente» nun momento con certa atención a todo isto, pero o importante foi a gravación, porque se non «sería un nome máis nesta nebulosa». Volvería grabar en 1930 e 1931 e complétase a integral dos seus contos. Regresa a Arxentina no ano 1932 e en 1933 comeza a traballar na radio, onde foi «un ídolo de masas». Alí seguía contanto contos e se reeditaron. Cando estourou a Guerra Civil, converteuse nun dos propagandistas do novo réxime na revista España, que dirixía. Pero decidiu voltar e enrolouse na aventura de Cesáreo González: Suevia Films, onde foi documentalista e mesmo lle propuxo a Otero Pedrayo facer un guion para un documental sobre o Camiño de Santiago, que nunca chegou a gravarse por mor de que a censura dixo que non representaba o espírito nacional, subliña Tato. E aínda que trala súa morte e a irrupción do Xestal Joselín quedou borrado, é certo que no sur de Pontevedra «non hai unha persoa maior de 60 anos que non coñeza os contos de Joselín».

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
30 votos
Comentarios

«No sur non hai maior de 60 anos que non coñeza os contos de Joselín»