Yolanda Castaño emprende unha nova xeira poética en «A segunda lingua»

A poetisa gañou o premio Novacaixagalicia co libro, que publica despois de sete anos


A Coruña / La Voz

Responde cunha anécdota á pregunta de por que o seu novo, e premiado, poemario leva por título A segunda lingua (Arte de Trobar): «Se quere ser atendido en castelán, prema 1; se quere ser atendido en galego, prema 2». E vai máis alá, xa que «ás veces aínda que premas o 2 a resposta é en castelán», apunta Yolanda Castaño. A poeta recibe hoxe, ás 19 horas na Fundación Novacaixagalicia da Coruña, o premio de poesía que leva o nome da entidade polo poemario A segunda lingua. No mesmo acto será presentado a obra, que publica despois de sete anos; neste tempo fixo poesía para nenos, traducións e libros colectivos, pero non unha obra de «poesía para adultos, que é o que fago habitualmente».

Confesa unha das cousas que lle deu máis satisfacción deste premio: «O xurado non recoñeceu a miña escrita, non sabían que era eu e levaron unha sorpresa cando abriron a plica». Isto débese a que «neste libro hai un cambio grande, desaparece moito ese eu que estaba moi presente nos anos mozos, e que é lóxico, para dar unha visión sobre o mundo e sobre a existencia», explica a gañadora do principal premio de poesía en Galicia. E un cambio que vai «daquela época de efervescencia a un proceso máis demorado da escrita». Tamén salienta que A segunda lingua ten «unha linguaxe máis clara, nada pretenciosa, cun toque riquiño, aínda que cando digo isto cada quen entende unha cousa»

Adianta Yolanda Castaño que nesta obra «hai moito do que significa enfrontarse ao mundo cunha lingua e tamén de facelo cunha lingua estranxeira, que tan necesaria é hoxe en día».

A ironía é outra das características deste poemario que marca, sen dúbida, unha nova etapa na traxectoria literaria desta autora.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos

Yolanda Castaño emprende unha nova xeira poética en «A segunda lingua»