O CDG estrea o sábado o drama autobiográfico do nobel O'Neill

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

«Longa viaxe cara á noite» trae por primeira vez o teatro norteamericano

19 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Centro Dramático Galego (CDG) achégase por primeira vez ao teatro norteamericano e faino da man do premio nobel Eugene O?Neill e o seu drama autobiográfico Longa viaxe cara á noite, un espectáculo que se estrea este sábado no Salón Teatro da capital galega, e que permanecerá ata o 6 de abril para iniciar unha xira que se estenderá ata finais de maio. Con esta produción, o CDG chega ademais aos seus trinta anos de vida, nun momento no que só Cataluña segue a ter unha compañía pública propia, ademais dos teatros nacionais de Madrid.

Na presentación da montaxe, Manuel Guede, director do CDG e tamén deste traballo, lembraba que «cando un ten entre mans un texto como o de O?Neill, as cousas resultan máis doadas». Destacou o traballo de Rodrigo Roel, Fran Veiga, Guillerme Vázquez, Juanjo Amado e María Negreira, do equipo técnico, ademais do elenco de actores, formado por Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Alberto Rolán e Marcos Viéitez. De feito, hai trinta anos, cando o CDG botaba a andar, «Rodrigo Roel, Gonzalo Uriarte e Luisa Merelas xa estaban aquí. Durante estes trinta anos o Centro Dramático foi acertando e foi errando, pero sobre todo foi medrando».

A compañía de teatro público galego decidiu achegarse ao teatro norteamericano da man de O?Neill por tratarse do que moitos consideran o autor máis importante so século XX e pai da dramaturxia moderna da que son debedores Tennessee Williams, Arthur Miller ou David Mamet, entre outros. A presentación da montaxe serviu tamén para facer un resume do que foron os trinta anos de vida do CDG. Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, destacou que este centro «segue a ser un proxecto impresionante para o teatro de Galicia, e unha das súas moitísimas funcións vese moi ben nesta estrea, verter en lingua galega as obras mestras do teatro universal», concluíu.

A obra que o sábado chega a Santiago é a crónica dun día de agosto na vida dos Tyrone, coa que o propio O?Neill volve a vista atrás á súa intensa e dolorosa xuventude. Os catro membros da familia comezan un día alegre que ao longo de catro actos -mañá, mediodía, tarde e noite- vai amosando as frustracións e adiccións do pai, un actor de éxito que non foi capaz de formar un auténtico fogar; dunha nai adicta á morfina; dun primoxénito alcohólico e cínico; e dun fillo pequeno romántico e enfermo de tuberculose, alter ego de O?Neill. A obra, que orixinalmente ten unha duración de tres horas, quedou na produción de Guede en hora e cuarto, «porque dificilmente hoxe o público aguantaría unha función tan longa», apuntaba o actor Gonzalo Uriarte.