O Salón do Libro Infantil amosa en Pontevedra o máis saboroso dos contos

maría conde PONTEVEDRA /LA VOZ

CULTURA

O mundo da gastronomía na literatura infantil é o eixo sobre o que xira a edición número quince do encontro

15 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A narración da historia A casiña de chocolate de Hansel e Gretel, musicada pola Orquestra Cidade de Pontevedra, foi onte o primeiro prato que serviu para adozar e dar paso á edición número quince do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Unha edición na que este ano se van a cociñar contos ao longo de 23 días. O mundo da gastronomía na literatura infantil é o eixo sobre o que xiran ás máis dun centenar de actividades que ata o 5 de abril achegarán aos nenos e aos adultos ós libros a través de obradoiros, contacontos, música, arte ou teatro.

O Pazo da Cultura volveu mudar o seu aspecto para amoldarse ao tema do Salón, Cociñando contos, con salas ambientadas no tema culinario, e que onte xa puideron catar os centos de asistentes á apertura do evento. Unha das exposicións máis rechamante é a dos traballos que escolares de 36 centros pontevedreses fixeron en relación coa temática do salón. Desde potas máxicas onde se cocen as mellores historias a robots de cociña e restaurantes están presentes. Outro dos espazos está dedicado aos autores que foron distinguidos no salón e que este ano reciben unha homenaxe conxunta.