A RAG lembra ao libreiro que non sabía ler e atopou a Martín Codax

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

<span lang= gl >Velada medieval</span>. O Grupo de Música Antiga Martín Codax pechou, xa na igrexa de Santiago, o encontro da Real Academia Galega ca interpretación dunha serie de pezas da lírica trobadoresca.
Velada medieval. O Grupo de Música Antiga Martín Codax pechou, xa na igrexa de Santiago, o encontro da Real Academia Galega ca interpretación dunha serie de pezas da lírica trobadoresca. EDUARDO PÉREZ< / span>

Novo libro das sete cantigas no centenario do Pergamiño Vindel

06 mar 2014 . Actualizado a las 11:56 h.

Con vinte anos o libreiro Pedro Vindel «aínda non sabía ler», lembraba na noite de onte Xesús Alonso Montero na sé da Real Academia Galega (RAG). Pero este rapaz, que estaba en Madrid pero nacera en Cuenca en 1865, era espilido e sabía preguntar. Por iso, cando atopou un pergamiño que estaba envolvendo o libro de Cicerón De Officiis arrancou o forro, ao descubrir que contiña un texto, e foi ver ao pontevedrés Víctor Said Armesto. Alí estaban as sete cantigas de Martín Codax coa sorpresa de que seis delas tiñan tamén notación musical para ser cantadas. Así aparecía, hai un século, o chamado Pergamiño Vindel. O acto de onte era a maneira que tiña a RAG de celebrar o centenario da aparición deste importante documento que, como lembrou Alonso Montero, «emigrou, como os galegos, e desde 1979 está na Biblioteca Morgan», en Nova York.

No encontro na sé da RAG foi presentado o libro Martín Codax. Bañarnos emos nas ondas! As sete cantigas. O pergamiño Vindel. Colaboran coa Academia na súa publicación o Parlamento de Galicia e a Consellería de Educación e Cultura. Henrique Monteagudo, responsable da edición, salientou que a lírica medieval galega é un «patrimonio valiosísimo». Tamén detallou que o libro recolle «a nova interpretación que de conxunto sobre estas cantigas fai o profesor e filólogo romano Giuseppe Tavani».

«Un conxunto global»

Parte desa interpretación foi exposta onte por Tavani, diante dun bo número de académicos, cargos políticos e público que ocupaban o salón de actos da RAG. Nunha apaixonada intervención lembrou este estudoso que levaba sesenta anos traballando sobre a lírica medieval galega e que Martín Codax era «un motor de investigación». Este especialista sostén que «o estruturalismo de Roman Jakobson non serve para analizar a poesía medieval galega», pero, confesou, foi precisamente un artigo de Jakobson o que o levou a el a estudala. Asegura Tavani que a obra de Martín Codax «forma un macrorrelato, un conxunto global», e que as sete cantigas «son parte dun único texto». Foi apuntando datos como que o traballo do Pergamiño Vindel foi feito por tres copistas, posiblemente en Toledo, e que estaban na corte de Alfonso X, xa que un xograr como Codax non tería medios para facer esa copia. De tódolos xeitos, rematou dicindo que só era «unha hipótese de interpretación, que non pretende erixirse en modelo», aínda que sería difícil levarlle a contraria.

A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e o conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez Abad, falaron da importancia da colaboración entre as institucións para sacar adiante este tipo de proxectos.

Xa na igrexa de Santiago, o Grupo de Música Antiga Martín Codax pechou o encontro tocando pezas da lírica trobadoresca.