Olivia Rodríguez: «Aguirre tivo moita influencia en Rosalía, recoñecible nos seus versos e imaxes»

A. A. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

27 ene 2014 . Actualizado a las 10:59 h.

A revisión crítica do libro ca obra completa de Aurelio Aguirre (1833-1858), que vai ver a luz en febreiro, corre a cargo de Olivia Rodríguez.

-¿Que importancia ten Aurelio Aguirre na literatura?

-Foi un poeta moi coñecido na súa época porque representaba xustamente a imaxe perfecta do romántico. Era un mozo liberal que morreu en estrañas circunstancias na praia coruñesa de San Amaro, con 25 anos. Era moi amigo de Murguía, Pondal ou Rosalía, na que tivo moita influencia, recoñecible nos versos da escritora de Padrón, nas formas, nas imaxes, moi parecidas. De feito, escribiu un poema sobre unha sombra que o persegue e que é o antecedente da Negra sombra.

-¿Se sabe que lle pasou en San Amaro?

-Hai que descartar a teoría do suicidio [semella que bateu nunha rocha], como tamén unha suposta relación amorosa con Rosalía.

-Escribiu en castelán.

-Claro, porque a literatura galega non estaba formada. Eran eles mesmos. Pero se non chega a morrer tan cedo, tería participado no Rexurdimento, seguro.

-¿Como era a súa poesía?

-Era un poeta urbano, moi preocupado polas crases desfavorecidas. Empezou a escribir moi novo, así que os seus mellores poemas son os derradeiros, sen dúbida. Entronca claramente coa corrente do romanticismo galego, tenebroso, cuxo primeiro expoñente foi para min Nicomedes Pastor Díaz.

-¿Que aporta o novo libro?

-É a obra completa. O que poida aparecer logo será dalgunha publicación inaccesible do XIX.