Lembranza a Del Riego como «o catalizador da cultura galega»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

A homenaxe tivo lugar na sé da Real Academia Galega, da que Fernández del Riego foi un dos seus presidentes. Na imaxe, un momento da lectura que fixo o poeta Salvador García-Bodaño.
A homenaxe tivo lugar na sé da Real Academia Galega, da que Fernández del Riego foi un dos seus presidentes. Na imaxe, un momento da lectura que fixo o poeta Salvador García-Bodaño. Marcos Míguez< / span>

Homenaxe na RAG ao que foi o seu presidente no que sería o seu 101 aniversario

08 ene 2014 . Actualizado a las 09:29 h.

Don Paco. Un nome, dúas palabras que evocan a vida dun home clave na cultura galega e que onte cumpriría 101 anos. Por este motivo, Francisco Fernández del Riego foi homenaxeado na Real Academia Galega (RAG). Ramón Nicolás, crítico literario de La Voz, cualificaba ao que foi presidente da RAG como «catalizador dos movementos culturais galegos» nos anos seguintes á posguerra. A sesión extraordinaria foi presidida por Xesús Alonso Montero e á mesma asistiron un bo numero de académicos numerarios, ademais do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e outras autoridades.

Ana Acuña, estudosa da figura de Del Riego, lembrou a polémica que provocou a publicación da Escolma da poesía galega que fixeron no seu día Del Riego e Álvarez Blázquez. Pouco antes, María Dolores Villanueva fixo un repaso da vida do homenaxeado e Luz Pozo Garza e Salvador García-Bodaño deron lectura a dous poemas.

Víctor Freixanes dixo que Del Riego era «unha figura difícil de cualificar» e salientou que «sempre estivo moi interesado en comunicar e divulgar». Freixanes lembrou os seus traballos en Galaxia e na revista Grial e asegurou que «a recuperación de Cunqueiro para a literatura galega é imposible de entender sen o labor de Del Riego, dos ánimos, do seu empuxe, do seu traballo editorial». As últimas palabras corresponderon a Alonso Montero, que recordou como Del Riego foi pioneiro en recoller o discurso sobre a literatura galega no libro Historia de la literatura gallega, escrito en castelán pero do que deixou o texto en galego. Montero salientou a importancia que tivo esta obra para el e para compañeiros seus de estudos como o poeta José Ángel Valente.