Alonso Montero eloxiou a calidade da súa escrita e o seu espírito positivo
28 dic 2013 . Actualizado a las 10:15 h.«Ahora te pido que no llores más, ya me has llorado bastante. Muero con la conciencia tranquila que no le he hecho mal a nadie y que no me he manchado jamás las manos de sangre. Ten fe en el porvenir». Grazas á profesora e membro correspondente da RAG (Real Academia Galega) Olivia Rodríguez, que exerceu como intermediaria para que esta doazón prosperase, os orixinais das corenta cartas que escribiu dende a cadea o preso republicano José Mejuto Bernárdez serán entregados á Academia logo da súa publicación en formato libro por Ana Mejuto, neta do autor, un mecánico de Cangas do Morrazo. O acto solemne da recepción (das copias) celebrouse onte na sé da RAG, onde o seu presidente, Xesús Alonso Montero, celebrou emocionado un epistolario que posúe unhas características pouco comúns e que data do cativerio de José Mejuto, con apenas 30 anos, na Guerra Civil e antes da súa execución en 1937. As cartas describen a estancia na prisión de Pontevedra e na illa de San Simón.
«Foron escritas por José, que era un republicano de Cangas -explicou Alonso Montero- que non tiña responsabilidades políticas en partido algún, aínda que é certo que si confesa que tiña unha ideoloxía de esquerdas». O epistolario relata como acabou na cadea por vinganza persoal dun parente que o sinalou ata que isto lle supuxo a pena de morte. «Estas cartas sorpréndenme por como están moi ben escritas aínda que non era profesor, senón mecánico, e por como dende a prisión anima sempre á familia, muller e fillos [que despois da súa morte emigraron a Bos Aires, nos anos 50], que cren que está nun paraíso da illa de San Simón, que o sería se non fose entonces o cárcere».