aCadaCanto envolve en intimismo a intensa emoción de Rosalía

O cuarteto publica «A rosa d'Adina», con seis poemas da autora

Guillerme Fernández, Xosé Lois Romero, Guadi Galego e Xabier Díaz (esquerda a dereita) son aCadaCanto.
Guillerme Fernández, Xosé Lois Romero, Guadi Galego e Xabier Díaz (esquerda a dereita) son aCadaCanto.

Redacción / La Voz

Enfrontarse á tarefa de poñer música aos versos de Rosalía, despois das versións case canónicas de artistas que van de Amancio Prada a Luz Casal, pasando por Los Tamara, pode semellar unha empresa de complexa resolución. Porén, na actual escena musical galega hai intérpretes que traen os poemas da autora ao seu terreo, como Abe Rábade, Narf, Uxía ou Najla Shami, e demostran que a súa obra contén unha inspiración inesgotable.

O cuarteto aCadaCanto vén de entregar A rosa d'Adina, seis poemas de Rosalía dunha gran profundidade emotiva que se amplifica no tratamento intimista que lle confiren as voces de Guadi Galego e Xabier Díaz, xunto coa guitarra de Guillerme Fernández e o acordeón de Xosé Lois Romero, todos eles cunha longa traxectoria musical. Díaz admite que se non asumiron antes o reto de poñer música á escritora foi por «respecto e vertixe», tanto pola súa obra como por adaptacións anteriores. «Medrei escoitando a Amancio Prada, con quen agora teño unha gran amizade, e recoñezo que me resulta imposible versionar os poemas que xa coñecía por el», explica o cantante.

aCadaCanto viña de concluír unha xira e a compenetración dos concertos preparou o terreo para mirar de fronte os versos rosalianos. «Era o momento», confirma Díaz. O cuarteto aproveitou esa naturalidade que acadaran nas súas actuacións para trasladala á gravación dos seis poemas que conforman A rosa dAdina: Dende a Limia, Levoume o río, Tecín, Este meu camiño, Onde pousei a infancia e Aló. Seis alfaias pouco coñecidas dunha obra «tan vasta como brillante», que segue a cativar no XXI como no XIX. «Non tes en absoluto a sensación de estar abordando algo antigo, senón que os textos conectan totalmente co lector de hoxe», expón o cantante, quen se congratula de que igual que os especialistas seguen a debater e a atopar lecturas novas dos escritos de Rosalía, «os músicos actuais poden ofrecer distintas perspectivas dende o folk o rock ou a canción de autor».

Díaz coincide coa apreciación de que a carga emotiva guiou ao cuarteto na escolla dos poemas, que os intérpretes moldearon coas súas ferramentas instrumentais e vocais, e que ten un cumprido exemplo na achega de Guadi Galego á tristura que desprenden os versos de Tecín. Os seis poemas do disco proban tamén que aínda hai moitas posibilidades na obra rosaliana para os músicos de hoxe. Xabier Díaz síntese contento de que A rosa d'Adina serva ademais como o seu «pequeno gran» na popularización da súa poesía.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

aCadaCanto envolve en intimismo a intensa emoción de Rosalía