Queipo formou parte do equipo da versión galega do «Ulises» de Joyce
18 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.En 1926, Ramón Otero Pedrayo traduciu ao galego uns fragmentos do Ulises de James Joyce, un acto que transcendeu o literario ao simbolizar o desexo do escritor e a súa xeración, Nós, de que a cultura galega dialogase coa europea. Agora, Galaxia vén de publicar a tradución completa da novela, un traballo no que Xavier Queipo formou parte do equipo de tradutores xunto con Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Antón Vialle, aínda que o escritor subliña que foi un esforzo conxunto de todo o persoal do selo.
-¿Como foi o reparto do traballo entre os tradutores e como se «unificou» a voz da obra?
-Por diversas razóns non chegamos a coincidir nunca os catro, foron dúas etapas e dúas equipas de tres e tres. Os que estivemos dende o inicio ata a fin fomos Antón Vialle e mais eu, que fixemos a primeira versión. A partir de aí, Eva primeiro e logo María foron refinando as propostas que nos achegaban para comentarios e así ata a fin, nun exercicio de refinamento constante. A tradución é, pois, colectiva, sen liderado dunha persoa en concreto.