Manuel Rivas segue a pegada de Vicente Ferrer no seu novo libro

María Conde PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Rivas contou «O raposo e mestra» con música en Culturgal.
Rivas contou «O raposo e mestra» con música en Culturgal. r. leiro< / span>

O autor regresa tamén á literatura infantil con «O raposo e a mestra»

01 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Coma «unha longa reportaxe» sobre Vicente Ferrer e as súas pegadas na India definiu onte Manuel Rivas o seu novo traballo, Rumbo a las estrellas, con dificultades. O escritor galego acaba de presentar esta biografía singular, editada por RBA, na que as vivencias de Ferrer mestúranse coa inmersión de Rivas na situación das mulleres neste país asiático, na que reúne varias testemuñas que pasaron por situacións extremas. «Nada máis chegar á India -dixo- el fixo outra revolución, que é tocar aos intocables».

Pero este traballo resalta tamén outros aspectos novidosos sobre Ferrer, como a súa estancia nun campo de concentración en Betanzos, na antiga fábrica da Magdalena, tras a Guerra Civil, onde participou como membro da Quinta do Biberón á idade de dezaseis anos tras formar parte do POUM. Rivas conta que Ferrer xogaba moi ben ao fútbol e que presumiu nunha ocasión de ter estado no Barcelona, «e inmediatamente apareceron do Deportivo e do Ferrol para fichalo, ofrecéndolle a posibilidade dunha redención rápida». «Pero entroulle tal pánico, porque fora unha arroutada, que andaba todo o tempo lesionado...».

Rivas estivo en Pontevedra para presentar en Culturgal a súa nova incursión na literatura infantil, O raposo e a mestra, unha historia que leu arroupado pola Cé Orquestra Pantasma. O autor conta «unha historia de amor» na que o raposo, ao que lle puxo o nome de Pindo tralo incendio deste verán, se namora dunha mestra que toca o piano. O título é tamén un homenaxe aos docentes, especialmente aos mestres das escolas rurais. Para o autor, «a literatura e o teatro deberan ser epicentro no coñecemento no ensino». «Ata os oito anos os nenos deberían exclusivamente ler contos, facer música e teatro e teríamos unha xeración de estrelas», apuntou, mentres subliñou que os contos «adestran» para a vida: «Que mellor xeito de contar a crise que cos músicos de Bremen? Fanlles un ERE e son capaces de montar unha cooperativa para sobrevivir».