As academias galega, vasca e catalá, contra os recortes

As tres institucións planean unha iniciativa conxunta a prol da cultura e en protesta pola diminución de financiamento


redacción / la voz

As tres institucións de Galicia, Cataluña e o País Vasco vinculadas ás linguas propias e a cultura das súas respectivas comunidades formularán unha reivindicación conxunta en contra dos recortes do Ministerio de Cultura, que reduciu considerablemente a súa achega económica ás tres entidades. A Real Academia Galega, o Institut d?Estudis Catalans e a Academia de la Lengua Vasca e Sociedad de Estudios Vascos farán fronte común a prol da cultura e para tratar de mellorar as partidas económicas que reciben do Goberno central, en diminución progresiva dende hai xa dous exercicios.

«Queremos realizar unha acción conxunta ante a opinión pública», adiantou onte o presidente da Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Esta semana, durante unha viaxe a Barcelona para participar nun seminario sobre Rosalía de Castro, Alonso Montero abordou a cuestión con Joan Doménec, presidente do Institut catalán, e aínda está pendente de obter unha resposta definitiva do seu homólogo da Academia vasca.

«O noso obxectivo é levar a cabo unha acción en Madrid das tres academias para transmitir dous argumentos. O primeiro, a nosa protesta porque a cultura aparece cada vez máis reducida economicamente, que é a que está a pagar os pratos rotos desta situación de crise. E o segundo, os problemas de financiamento das nosas institucións, que tamén son parte da cultura, aínda que o que nos parece máis grave é o que se está a facer coa cultura en xeral», explicou onte Alonso Montero.

Caída dun 20 %

En outubro pasado coñeceuse unha redución dun 20 % da asignación do Ministerio de Educación y Cultura á Real Academia Galega para o 2014. A cantidade que o Goberno central destinará á institución galega cae de 341.000 euros no presente ano ata os 273.070 para o vindeiro exercicio. Esta diminución chega despois de que no 2013 a achega do ministerio se reducise á metade, un recorte que tamén afectou ás entidades catalá e vasca nunha medida semellante.

Para a Real Academia Galega, a asignación do Goberno central representa máis dun terzo do total do seu orzamento no actual exercicio. Pola súa banda, a Xunta manterá no 2014 unha partida de 575.000 euros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

As academias galega, vasca e catalá, contra os recortes