María de Medeiros: «Todos os artistas traballamos para a paz, somos a antítese da guerra»

CULTURA

Recoñecida hai moitos anos internacionalmente, a actriz, directora de cinema, cantante e compositora portuguesa María de Medeiros (Lisoa, 1965) recibe en Santiago o premio Cineuropa 2013. Aproveita para presentar os seus últimos traballos, un disco e unha película dos que se sente especialmente satisfeita, segundo di

15 nov 2013 . Actualizado a las 17:50 h.

«Como actriz non paro de filmar e terminei hai tres semanas en Canadá a última rodaxe. Vou moito por Viana do Castelo e teño moito cariño por Galicia. Fiquei conmovida, ilusionada e honrada coa proposta do premio Cineuropa. É esencial dar a coñecer o cinema europeo, que é excelente, moi creativo, e aínda non circula o suficiente na propia Europa. Por iso vexo importante un festival que dá a coñecer ese cinema», manifesta.

-Tamén se homenaxea a Bigas Luna, ¿como lembra este director, con quen traballou?

-É un dos artistas que máis admiro e admirei en España. Foi a persoa que me fixo descubrir toda a riqueza e diversidade cultural de España. E teño a maior admiración, alén do maior cariño por el, penso que é un artista importantísimo do panorama español.

-¿Como vai ser o seu concerto do día 18 en Santiago?

-Vou interpretar o meu traballo máis recente. O meu último disco é tamén o primeiro en que compuxen e escribín case todas as cancións, con algunhas colaboracións.

-En «Pássaros eternos» hai diálogo entre música e pintura, ¿a que se debe iso?

-Exactamente, sempre me sinto moi ligada á expresión visual e gráfica, por iso pedin ilustracións a varios pintores, e cederon imaxes para as cancións. Tamén eu acabei facendo dúas imaxes.

-Presenta tamén a última longametraxe que dirixiu. ¿Como é ese traballo?

-Repare bem é un documentario que fixen no Brasil, por proposta da Comisión de Amnistía e Represión do Ministerio de Xustiza. É a historia dunha familia que tivo un destino incrible: os homes foron practicamente todos asasinados e as mulleres tiveron que fuxir do Brasil, primeiro para Chile, onde as acolleu Salvador Allende; e após o golpe de estado de Pinochet foxen para Europa, onde pasaron 40 anos. Agora houbo unha reparación e un pedido de desculpas ás vítimas da ditadura militar por parte do Goberno brasileiro e elas están reencontrando o seu país e unha nova identidade. É unha historia moi conmovinte, unha historia de reconstrución.

-O seu primeiro traballo como directora foi sobre a o 25 de abril portugués, ¿hai relación entre os dous?

-Si, sen dúbida; por máis que este sexa un documentario e o do 25 de abril unha ficción, próxima da historia real, que contaba a instalación dunha democracia en Portugal. Neste de agora hai un proceso de reparación, onde se pide desculpas ás vítimas da ditadura, un acto moi importante para reforzar a democracia.

-¿Como ve o Portugal de hoxe, e a situación do cinema neste tempo de crise?

-Participei, na miña última visita a Portugal, en mobilizacións de apoio a quen están tentando resistir neste momento de crise, tan difícil. No cinema portugués emerxen novos talentos e é unha época creativa boa, mas do punto de vista político e económico é un desastre. Hai unha nova lei de cinema, que é boa, e que non se aplica polo Goberno; e así o cinema está paralizado.

-¿Como lembra o seu último traballo en Portugal?

-Foi Viagem a Portugal, de Sérgio Trefaut, no 2010. É un dos filmes en que máis me orgullo de ter participado. Está baseado nunha historia verdadeira que el investigou, dunha ucraniana que emigrou a Portugal.

-¿Que supuxo na súa carreira ser nominada «Artista pola paz» en 2008 pola Unesco?

-Foi unha honra extraordinaria e inesperada. Na verdade, penso que todos os artistas traballamos para a paz, somos a antítese da guerra, pois defendemos outras formas de propor solucións e establecer comunicación. Eu gustaría de facer moito máis pola paz.

-Traballou con directores como Philip Kaufman, Tarantino, Manoel de Oliveira... ¿quen a influíu máis?

-É difícil escoller un. Penso que todos me influenciaron, foron unha escola fenomenal para min e de todas esas grandísimas personalidades do cinema aprendín cousas.