Yolanda Castaño: «A poesía fornece un discurso alternativo»

Santiago / La Voz

CULTURA

13 nov 2013 . Actualizado a las 09:16 h.

Yolanda Castaño coñeceu o premio en Coimbra, onde participa na Bienal España-Portugal con editores e poetas dos dous países. Pensa que servirá «para sacar adiante un poemario que é simpático, riquiño».

-¿Hai un estilo diferente neste traballo, como di o xurado?

-O meu anterior libro é de hai seis anos. Si que ten un ton diferente, afortunadamente, penso.

-¿Por que o título de «A segunda lingua»?

-É un título que pode dar que pensar, e ter unha lectura máis persoal e outra máis política ou social. Hai unha reflexión sobre a lingua. E a segunda lingua é tamén a lingua do outro, a lingua dos outros, a lingua coa que nos achegamos aos demais. Hai unha chea de liñas de contido: o tema da tradución, o préstamo lingüístico, a lingua franca ou vehicular, e outras lecturas que podo resumir nunha anécdota moi elocuente: ?Se quere ser atendido en castelán, prema 1; se quere ser atendido en galego, prema 2? [Ri].

-¿Como ve a situación do galego?

-Preocupante e con certa esperanza; penso que poden mudar as cousas. A poesía fornece un discurso alternativo aos do poder, do mercado, das cifras ou dos medios de comunicación, e ten que recuperar os valores da identidade, os nosos valores e a diversidade cultural. Alén diso, tamén hai a experiencia íntima da lingua como medio para nos relacionarmos cos outros.

-¿Comunica ben coa poesía?

-Penso que a poesía está máis próxima de nós do que pensamos a pesar dos moitos prexuízos que hai contra ela. É a esencia da palabra, da comunicación, a linguaxe máis cualificada.