O primeiro «Quixote» galego é obra dun xeneral ferrolán

O texto foi escrito a man en 1972 por Juan Beceiro e o seu fillo entregouno onte á RAG xunto con outras traducións


A Coruña / La Voz

«Hoxe é un día grande para a Academia. Esta é a primeira tradución que se fixo ao galego do Quixote e está aquí». Isto dicía onte o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, amosando os libros que acababa de doar Juan Luis Beceiro García. O donante é fillo do xeneral Juan Beceiro Amado (Ferrol, 1909-Madrid, 1990), que databa o 25 de xaneiro de 1972 o remate desta tradución. Alonso Montero lembrou que Carré Alvarellos «fixo a tradución de dous capítulos» da obra de Cervantes, «pero esta é a primeira da obra completa».

«Coma vedes, n?iste pirmer volume vai somentes unha coarta part d?o Quijote -as demais virám dimpois, se Dios me da saúde-, e isto ten a ventaxa de non percurar as vindeiras, se vos asaña ista primeira». É un dos parágrafos que aparecen no limiar da tradución do Quixote que Beceiro Amado data así: «Granada, 19 do San Martiño do ano 1970». O seu fillo lembrou que cando pasara a reserva fixo a versión galega non só do Quixote, senón tamén de varias obras clásicas como a Odisea, Hamlet, O Lazarillo de Tormes e lendas irlandesas. Ademais, hai «noticias de que en mans dunha filla está O buscón, de Quevedo», detallou Alonso Montero. Tamén salientou outra obra de Beceiro, Comentos, follas dun vocabulario galego-castelán, un dicionario «que ilustra con textos do cancioneiro popular e nalgunhas palabras introduce relatos escritos por el».

O presidente da RAG tivo palabras de agradecemento tanto para o donante como para «o admirado Siro López, que fixo posible a doazón». Siro, que escribe todos os domingos un artigo na edición de Ferrol deste xornal, se interesou pola figura de Beceiro Amado e lembrou «que cando estivo en Valladolid foi presidente do centro galego; cando marchou fixeron unha homenaxe porque era un exemplo para moitos galegos».

Siro López salientou que para este militar «despois da guerra non había nin vencedores nin vencidos» e que todas as traducións que fixo «son un traballo incrible, pasou a súa vida dedicado a escribir en galego».

Nunha brevísima intervención, Juan Luis Beceiro, que é avogado en Madrid, salientou el «gran amor de mi padre por la tierra gallega».

As directoras da biblioteca e do arquivo da RAG sumáronse ao agradecemento do presidente ao donante e salientaron a caligrafía coa que están feitas as versións galegas: «Vendo como son case sabemos de que época é cada unha».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos

O primeiro «Quixote» galego é obra dun xeneral ferrolán