Galicia e o segredo do unicornio

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Un estudo analiza o uso do corno atribuído ao mítico animal na medicina popular

26 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

De cativo, Rafael Quintía estaba fascinado por un obxecto que se gardaba na súa casa e que pertencera a un devanceiro da súa tataravoa: un corno de unicornio. Onte, o antropólogo fundador e actual presidente da Sociedade Antropolóxica Galega presentou o libro Alicornio, o resultado de oito anos de investigación sobre o uso do apéndice deste animal mítico na medicina popular galega. «Era algo moi estendido, non só de curandeiros», explica Quintía, quen aclara que o corno se empregaba para tratar afeccións da pel ou picaduras: «Pasábase polo doente, en cruces ou círculos, con prantas medicinais ou se metía en auga para así convertela en curativa». Tamén podía empregarse como amuleto contra o mal de ollo ou para sandar gando enfermo. Desbotada a posibilidade de que Galicia contase cunha reserva secreta de unicornios, os cornos que se empregaban adoitaban ser de corzo, vaca ou cairos de xabarín. «As fisionomías eran moi diferentes, dende cornos de case un metro, como o da miña casa, a outros máis cativos. Pensábase que con máis rugosidades era máis efectivo», resume o autor.

Precisamente en canto á efectividade, Quintía distingue entre sandar e funcionar. «Funcionar, funciona, porque cumpre cunha función, e dálle seguridade á xente. Logo, ás veces, curan. Moitas enfermidades da pel teñen unha orixe psicosomática, e o corno pode desbloquear ese estrés que causa a doenza. E se non sanda, din que igual non era o remedio axeitado para ese caso en particular», detalla o autor do libro, que conta cun limiar do especialista en literatura oral Antonio Reigosa.

Quizais poida parecer algo do pasado, pero Quintía sabe aínda dunha xoiería onde traballan un anel como amuleto que leva engastado un corno de vacaloura.