Regreso ao sete polgadas

Xesús Fraga
Xesús Fraga LUZ DE CRUCE

CULTURA

02 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O disco de sete polgadas foi o vehículo idóneo para espallar a esencia pop, con dúas cancións directas de menos de tres minutos, polo xeral un éxito incontestable na cara A e a propina dunha rareza na B, ideal para coleccionistas. A elevación da música popular á categoría de arte na década dos sesenta pareceu enterrar o formato, mais este renaceu esplendoroso só uns anos despois, surfeando sobre a new wave coas súas alfaias melódicas.

A Internet trouxo unha fragmentación do consumo cultural que devolveu a canción a un primeiro plano, en detrimento do álbum. Aínda que hai artistas actuais cuxa obra xustifica o uso do longa duración, o elepé reciclouse en boa medida no soporte das reedicións, tanto en cedé con extras como en vinilo para fetichistas. Os grupos noveis, e non tanto, atópanse con que poden fabricalos con maior facilidade, pero custa un mundo despachalos, como saben os que cargan coas caixas de volta a casa tras vender catro ou cinco cedés despois dun concerto. Nas tendas xa nin o intentan.

Hai outra razón que engadir á decisión de Siniestro Total de mudar o sistema de publicación. Malia teren os seus álbums unha certa identidade diferenciada, o seu xenio como compositores e autores aniña de raíz na depurada síntese pop que é a canción pensada para un sinxelo. Non poucas das súas son himnos xeracionais que traspasan décadas. Pioneiros da independencia, seguen sen apartarse do seu camiño.