O Consello da Cultura celebra 30 anos nun país «nunca tan vivo»

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

A institución cultural foi máis pensada «para facer que para ser»

28 sep 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

O Consello da Cultura Galega reuniu no pazo de Raxoi aos que estiveron e aos que están na primeira institución cultural de Galicia, que xa cumpre 30 anos. No mesmo edificio, pero nun andar máis abaixo, reuníronse por primeira vez as doce persoas que formaban parte do plenario en 1983, das que seis xa non están vivas. Onte, persoeiros da vida cultural, científica, das artes e mesmo da política se deron cita para render unha homenaxe a unha institución que foi «máis pensada para facer que para ser», explicou o seu presidente, Ramón Villares.

No acto interviron Víctor Freixanes, Helena Villar Janeiro e Domingo Docampo, en representación de todas aquelas persoas que estiveron ou están no plenario da institución. O primeiro deles recordou que cando empezaron, sentían que estaban «a facer Galicia». Lembrou a independencia da institución, que non sempre foi ben entendida polo poder, e rematou asegurando que «este país, malia aos agoreiros, que non faltan, nunca estivo tan vivo». Ramón Villares, presidente do Consello, asegurou que, «ser a primeira institución cultural de Galicia ten vantaxes pero tamén obrigas», e reivindicou a figura do Seminario de Estudos Galegos e a súa capacidade de conciliar distintas disciplinas de coñecemento como fonte de inspiración do Consello.

O acto pechouno o presidente da Xunta, Núñez Feijoo, quen retomou as verbas de Freixanes sobre o vivo que está o país, sinalando que certifica que «Galicia está viva, en ningún caso menos que nos seus mellores tempos. Galicia sairá, e para saír precisa da cultura, e cultura é, entre outras institucións, sinónimo de Consello da Cultura Galega», rematou.