Orixinais en eBay
A presenza regular das súas historias na revista permitiulle ter seguidores no mercado norteamericano e, como fan outros autores da mesma publicación, decidiu tamén poñer á venta algunhas dos orixinais publicados. «Non é un mercado grandísimo, pero si que é interesante», asegura o debuxante, «véndese con regularidade e ten un público moi seguidor». «Agora hai unha febre polos zombies e os vampiros, polos orixinais con ese contido».
Abraldes apunta que o seu retorno produciuse despois de traballar dixitalmente: «Botei case dez anos apartado do cómic e mesmo de traballar dun xeito máis artesanal, con materiais máis nobres». O debuxante non renuncia ao dixital, traballa en Ficción producións en animación e videoxogos, porque permite «máis rapidez, limpeza e, polo tanto, máis economía». Pero Abraldes quere profundizar no seu retorno ao cómic desde unha perspectiva autoral, utilizando tintas chinesas, augadas ou óleos. «Hai un ano pensei en meterme máis no cómic e pedinlle a Diego Ameixeiras un guión para 50 páxinas cunha historia de novela negra que debería estar listo a finais de ano».