A casa de Manuel María reunirá todo o legado do poeta chairego

A Casa de Hortas abrirá as portas o vindeiro sábado trala súa rehabilitación

Saleta Goi, Ansede e Xouto (á dereita), presentaron onte os actos do sábado.
Saleta Goi, Ansede e Xouto (á dereita), presentaron onte os actos do sábado.

Santiago / la voz

Unha casa como extensión dunha obra. Así é como o vindeiro sábado se abrirá a casa de Manuel María, un espazo en Outeiro de Rei que reunirá todo o legado do poeta, despois dunha reforma que tiña como principal obxectivo devolver o edificio ao estado máis próximo ao que disfrutou o escritor.

Saleta Goi, viúva do poeta, Alberto Ansede, Xurxo Souto e Uxía presentaron as actividades que rodearán á apertura desta casa na que, segundo Ansede, estarán reunidos os tres legados de Manuel María: a súa biblioteca, que estaba na Universidade da Coruña, o legado artístico que permanecía no Museo de Lugo e o literario que estaba a disposición da Real Academia Galega. Xunto a este material, a casa tamén conserva obxectos persoais e mobiliario utilizado polo poeta na casa na que naceu e que utilizou ao longo da súa vida, e na que escribiu unha parte da súa obra.

O legado conta con 12.000 libros, unha seria de obras de arte de autores como Castelao, Maside, Xavier Pousa, Tenreiro, artistas que, segundo Ansede, «quixeron regalar a Manuel María esas obras».

A Casa de Horta é protagonista directa dalgúns versos do escritor, versos que soarán nas actividades de apertura, dividida en dúas partes. Unha primeira con carácter máis institucional que terá lugar pola mañá e unha segunda, de carácter máis festivo que terá lugar pola tarde. Polo medio, un xantar na carballeira de Santa Isabel, outro dos espazos ligados á biografía de Manuel María e que está a pouca distancia da casa.

Tralo xantar, a partir das 17.30, comezará unha celebración poética e musical na que participarán autores que, segundo Souto «mantiveron relacións fraternais con Manuel María». Entre os participantes estarán Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Fernán Vello, Luz Pozo ou Marica Campo.

A música será a outra protagonista, lembrando a relación que o poeta mantivo con ela. Xurxo Souto apuntou que Manuel María foi «o inventor da música galega contemporánea», lembrando os tempos de Edigsa e o selo Xistral. Na celebración participarán Miro Casabella, María Manuela, Fuxan os ventos, Berrogüetto e Uxía. O programa aínda ofrecerá a actuación do Mago Antón.

A partir do vindeiro sábado a casa de Manuel María abrirá ao público as fins de semana e durante a semana poderá visitarse previa cita, orientada sobre todo a visitas escolares.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

A casa de Manuel María reunirá todo o legado do poeta chairego