A poesía de Rosalía de Castro achégase ás novas músicas

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Narf e Naijla Shami estrean dous discolibros con versións da poetisa

19 ago 2013 . Actualizado a las 09:19 h.

Nos últimos 50 anos non hai xeración que non se achegase musicalmente a Rosalía de Castro. Dos Tamara a Astarot, pasando polo inevitable Amancio Prada, a música galega foi engadindo versións e ritmos para a recoñecida musicalidade dos versos da escritora. A celebración do sesquicentenario da publicación de Cantares Gallegos deu un empurrón e ampliou as perspectivas sobre ata onde son musicalmente utilizables os versos de Rosalía.

Narf e Nijla Shami son dous dos últimos artistas en facer seus os versos rosalianos. Desde as distancias dos estilos dos discos de ambos coinciden nunha circunstancia: comezaron sendo un encargo e acabaron por ser un disco máis das súas carreiras.

Narf apunta máis porque despois da súas aventuras africanas, con Nas tardes escuras (El patito editorial, con deseños de Fausto Isorna) «volvín ás miñas raíces, que están no rock e na psicodelia». Narf explica que os textos de Rosalía casan ben coa psicodelia porque hai neles «esas sombras, os recordos da infancia, a ensoñación, pero tamén a rebeldía do rock».

A aproximación de Najla Shami comezou por un primeiro poema e ampliar ese traballo ata completar un disco libro, Na lingua que eu falo (Galaxia) cunha preocupación fundamental: que os versos «non soasen raros, que non estivesen colocados a calzador na música».

Na distancia musical dos dous artistas había unha preocupación común: o medo escénico que pode provocar tratar con poemas coñecidos e mesmo musicados anteriormente. Para Narf a solución foi «non tratar co mito de Rosalía e pensar que era unha escritora de agora mesmo coa que podía falar de calquera asunto».

O peso do mito

Para Shami, o peso do mito foi un problema ata que pensou «en non facer o disco». «Foi aí cando entendín que podía encontrar un territorio común e facelo perdendo o medo que tiña», explica.

En cuestións de son, nada de recargar o peso arredor dos versos. Narf afirma que a música para Rosalía «tiña que ser crúa porque os galegos xa temos claro que Rosalía era valente, rebelde, irada incluso». O guitarrista considera que poñer «requintamentos ou unha produción rebuscada non pegaría cos poemas». Para compoñer, Narf seguiu algunhas guías con palabras que considera chave na obra rosaliana, «palabras como agreste ou irto, palabras ríspidas que marcan un xeito de ser e que me guiaron para un tipo de son directo, cru e sen adornos».

Shami considera que non é necesario cargar musicalmente os poemas de Rosalía. Para a cantautora, hai dúas circunstancias decisivas ao musicar a Rosalía. Dunha banda, «hai que facelo dun xeito humilde porque ela é moi grande». Doutra banda, «conseguir que os versos e a música fosen un todo orgánico, un continuo».

A terceira guía para a cantautora foi a de buscar unha cara menos coñecida popularmente da poeta, «ten moitas sombras, pero tamén ten moita luz e quería aproveitar esa luz para o disco».