Nando Casal: «Milladoiro desbravou moito para a cultura galega»

Despois de 35 anos, o gran grupo galego segue a emocionar dentro e fóra


Dicir Milladoiro é dicir respecto: pola música, por unha traxectoria, por un país... Nando Casal Tacón (Catoira, 1953) di que o grupo que cofundou en 1978 foi quen de «collerlle o tranganillo á musica galega e proxectala a moita xente, independentemente da súa orixe». Milladoiro segue a emocionar, despois de 35 anos, o mesmo en Moaña que en Canadá ou en Xapón, con respostas do público semellantes.

-¿Innovar no seu tempo supuxo pagar unha peaxe?

-Como sabes, unha parte de Milladoiro ten a súa orixe no grupo de gaitas Faíscas do Xiabre. Aí compartimos moitas romarías cos vellos gaiteiros, lendas vivas como Os Campaneiros, Os Garceiras, Os Montes, Os Areeiras... Cando conformamos Milladoiro, ningún daqueles vellos músicos interpretou iso como unha aberración, ao revés. Pero tamén tivemos os críticos listillos que nos daban pouca vida, que cuestionaban as mesturas de gaita con teclados ou guitarras. E levamos 35 anos. Milladoiro desbravou moito para a cultura galega.

-Convertéronse en embaixadores de Galicia...

-A primeira vez que chegamos ao festival de Lorient colocaban a bandeira da Galitzia polaca e ninguén dicía nada. Aínda que eu son máis de crer nas persoas que nas bandeiras, acabamos levando nós unha bandeira galega. E iso xa creou un follón. Tamén nos decatamos de que non todos os grupos eran tratados igual. E esiximos o mesmo trato que se lle podía dar a Alan Stivell ou a The Chieftains. Collemos entón unha imaxe un pouco de repugnantes, pero foi traballo que quedou feito para os que viñeron despois. Houbo quen nos criticou, incluso, por estar demasiado, dicían, «profesionalizados», cando a saída que ten a música, precisamente, é a profesionalización, como calquera campo. Xa chegou de vitimismo, temos un país riquísimo culturalmente e non hai que ter ningún complexo.

-Nestes 35 anos, ¿algunha vez estiveron a punto de deixalo?

-A ese nivel non chegamos. A saída de Rodrigo Romaní foi un momento delicado. Tivemos a gran sorte de que Roi [o fillo de Nando] fixo un gran papel. Rodrigo era unha peza moi importante do grupo, non só como músico, senón tamén por como contactaba co público. Pero Milladoiro é un traballo moi colectivo. Penso que fomos intelixentes en evitar hiperliderados.

-Non me negará o papelón que fixeron as gasolineiras na promoción da súa música, tantas cintas como venderon...

-[Ri] Eran edicións sen control ningún, pirateo puro, pero é certo que contribuíu a que se nos escoitara. O fenómeno noso é curioso: temos tocado en prazas nas que estaban dende o gobernador civil ata un punkie de Salamanca.

-A crise mordeu na cultura, nótase nas contratacións...

-Agora xa non sabes se é que nunca máis vai haber os cachés que había, cousa que é moi posible. Haberá que recolocarse, porque tamén nos gusta tocar en Galicia.

-¿A música resultou ser para vostede mellor compañeira que a política? [Casal foi concelleiro co BNG en Catoira].

-Cando un amigo meu soubo que me metía en política díxome: «Acostumado como estás a recibir os aplausos do público, a que che pidan autógrafos e a cobrar por tocar, vés á política onde só vas recibir críticas e non vas gañar un peso». Pero foi un asunto conxuntural, non estou arrepentido. Estar nunha formación política é duro, as lindes e as marxes están demasiado marcadas, e eu, como che dixen, son máis de crer nas persoas. Son, iso si, un socialdemócrata convencido, dos de antes.

nacho.miras@lavoz.es

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Nando Casal: «Milladoiro desbravou moito para a cultura galega»